Voluntariado de lectura-A, 2015/2016. Centros seleccionados para as Xornadas de convivencia

O Portal Educativo publicou recentemente a Resolución da D.X. de Centros e Recursos Humanos, de 6 de maio de 2016, pola que se resolve a convocatoria de Voluntariado de lectura-A correspondente ao curso 2015/2016, unha iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Recibidas as memorias de actividades do alumnado voluntario na biblioteca escolar durante o presente curso, a comisión de valoración prevista na convocatoria acordou seleccionar catro centros de entre os inscritos nesta iniciativa, co fin de que unha representación do seu alumnado voluntario participe nas Xornadas de convivencia do Voluntariado de Lectura, a celebrar do 24 ao 27 de maio no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo). Ao renunciar o único centro inscrito da provincia de Ourense, acordouse escoller un centro máis da provincia con maior porcentaxe de participación:

Un grupo de 50 alumnas e alumnos (acompañados dun/ha profesor/a) procedentes destes centros participará durante catro días dun intenso programa de actividades todas elas relacionadas con actividades colaborativas, xogos tradicionais, lectura expresiva, xogo dramatizado, danzas do mundo, narración oral ou música e danza tradicionais. O programa complétase cunha visita á Biblioteca Pública Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, de A Coruña. Cada grupo de alumnos e alumnas voluntarios da lectura terá oportunidade para amosar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades que ao longo do curso realizaron como axudantes da biblioteca escolar na xestión da biblioteca pero tamén na organización de actividades de lectura destinadas a outros alumnos e alumnas do centro, as chamadas activdades de lectura compartida dentro ou fóra do centro.