Vídeos dos centros

Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A 2016

Entre o 24 e 27 de maio celebráronse no CRD da Coruña (Culleredo) as Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A deste curso 2015/2016, coa participación de 50 nenas e nenos, xunto co profesorado que os acompañaba, procedentes de catro centros de distintos lugares de Galicia que participaran nesta iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Un programa intenso de actividades pensado para que a experiencia fose educativa e enriquecedora: obradoiros de xogos cooperativos e tradicionais, lectura expresiva, narración oral, danzas do mundo, teatro, cantos e danzas tradicionais, formación de usuarios e elaboración dun booktrailer co teléfono móbil completáronse coa visita á Biblioteca Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, ambos en A Coruña.

Este vídeo, elaborado por Aurora Ramilo, do CEIP de Leirado, ilustra moi ben o ambiente vivido nestes catro días de convivencia e aprendizaxe por nenas e nenos que colaboran durante todo o ano na biblioteca escolar do seu centro,  unha actividade que lles axuda a medrar como persoas autónomas, con habilidades para a toma de decisións e o traballo colaborativo, ao tempo que reforzan as súas destrezas en materia de lectura e de escritura.  

- Información sobre a visita á Biblioteca Pública Municipal Ágora en SUMA ÁGORA

Biblioteca e ciencia, proxectos compartidos

FEIRA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA on PhotoPeach


Un exemplo de traballo colaborativo entre a biblioteca escolar e os departamentos de ciencias, desde o IES Blanco Amor, de Ourense.

Xogos tradicionais. IES Rafael Dieste (A Coruña)

Excelente documentación sobre xogos tradicionais elaborada por alumnado e profesorado participantes no proxecto interdisciplinar coordinado desde a biblioteca do IES Rafael Dieste, de A Coruña, neste curso 2013/2014. No blogue da biblioteca podemos ver o programa da Semana Cultural, dedicada aos xogos tradicionais e que, segundo nos informan, está a transcorrir con grande éxito.



Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - II

Outros materiais elaborados desde o CPI dos Dices (Rois, A Coruña), para achegar a figura e a poesía de Xosé María Díaz Castro ao alumnado neste ano 2014.

 



Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - I

 

Un ano máis, o alumnado do CPI dos Dices (Rois, A Coruña), baixo a dirección de Luís Aldegunde, achéganos o seu telexornal dedicado á figura que concita todas as miradas no mes das Letras Galegas, neste 2014 o poeta Xosé María Díaz Castro. Estes "informativos"son un bo exemplo de "proxecto" parara a educación informacional e mediática do alumnado: ten como obxectivo a realización dun "produto audiovisual" e o proceso esixe un importante esforzo de planificación, documentación e posta en práctica de habilidades e competencias clave, entre outras, de comunicación lingüística e de competencia dixital e de uso e tratamento da información. 

 


Xosé Mª Díaz Castro foi motivo xa de estudo por parte do alumnado do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, neste documental que contribuíu, sen dúbida, á proclamación deste poeta como referente para a conmemoración do Día das Letras Galegas do ano 2014.

A biblioteca, un espazo para a ciencia



O profesorado das áreas de ciencias ten na biblioteca escolar un aliado esencial para motivar ao seu alumnado, e para ofrecer fontes alternativas ao libro de texto: recursos variados, actualizados, motivadores, imprescindibles para contrastar a información; recursos electrónicos seleccionados, acceso a fontes diversas e plurais. Pero a biblioteca é tamén unha plataforma para a difusión dos traballos de investigación do alumnado.

Nesta ocasión, a biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) é escenario para a presentación dun "concurso" de maquetas realizadas polo alumnado de ESO na materia de Bioloxía. E velaquí o vídeo que documenta este importante momento para o alumnado: o de explicar o "produto" dun proxecto. Detrás da maqueta hai horas de investigación, explicacións, estudo, deseño, colaboración e aprendizaxe. Saber expoñer o traballo, neste caso unha maqueta, ao resto dos compañeiros, é tamén unha práctica necesaria porque en tempos da sociedade da información as habilidades orais, lonxe de quedar superadas, constitúen unha das ferramentas máis poderosas para moverse no ámbito persoal, académico, laboral, social e cidadán. 

Formación de usuarios básica (pero esencial)


Vídeo sobre a CDU realizado pola biblioteca do IES A Xunqueira II, de Pontevedra, e empregado nas primeiras sesións de formación de usuarios.

Felices escoitas!

Felices Escoitas from Linguaxe Musical on Vimeo.

 

Este vídeo que nos remiten desde a biblioteca do CMUS Profesional de Vigo invitanos a entrar e paseármonos pola biblioteca, coa escusa do Nadal. É un bo exemplo dunha biblioteca que adapta o modelo xeral de biblioteca/centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe ao contexto dun centro especializado nunhas determinadas ensinanzas, como é neste caso, as musicais. Visitar o blogue desta biblioteca é tamén unha forma de coñecer a súa actividade: http://biblioconservigo.blogspot.com.es/

Que é unha biblioteca para ti? CEIP A Lama


As familias do alumnado de ensino infantil do CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra), colaboraron deste xeito á difusión das posibilidades da biblioteca no inicio deste curso 2013/2014. Fermosa recreación dunha fórmula que está a dar moi bos resultados. Parabéns!

O kamishibai como instrumento para presentar os traballos de investigación

Desde o CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco, chégannos estes dous vídeos que serven para amosar as posibilidades do teatriño xaponés á hora de que os nenos e nenas poidan presentar os seus traballos a outros compañeiros do centro.

 



Obradoiro de kamishibai

Neste vídeo vemos algunhas iimaxes do obradoiro sobre kamishibai que impartiu o equipo de biblioteca aos nenos e nenas de 3º curso do CEIP Emmilia Pardo Bazán, de Vigo:

KAMISHIBAI na Biblioteca do Chouzo on PhotoPeach

A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro


Chéganos, desde o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), este documental sobre o poeta que dá nome ao centro, Xosé María Díaz Castro.  A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro "inclúe entrevistas e enquisas na rúa, ademáis dun apartado musical importante con varios temas que inclúen os versos de Díaz Castro e son interpretados pola aula de música do centro. O documental foi realizado por alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO dentro dun proxecto enmarcado nos programas da Consellería de Educación de fomento da excelencia..

Dende a escrita do guión, ata a realización das entrevistas, todo o documental foi realizado polo alumnado co apoio de profesores e máis de Cristina de la Torre, xornalista e realizadora en Pasen y Vean Comunicación, quen se encargou de dirixir o obradoiro. A directora do centro, Olga Aguiar, destaca que o resultado superou con moito as expectativas e agardan que a curtametraxe lle dea repercusión ó traballo educativo que se realiza cos alumnos do rural galego, ademais de axudar a difundir a figura de Díaz Castro: “Un autor aínda moi descoñecido e que precisa recuperar o seu lugar no imaxinario cultural galego”. Sandra Tenreiro, a profesora de música e que compuxo as cancións, destacou a creatividade e implicación dos rapaces, ata o punto de que un alumno de bacharelato versiona e rapea un dos poemas. Tódalas cancións terán licenza Creative Commons e estarán dispoñibles en Internet. "

Sumámonos á biblioteca do centro na difusión deste excelente traballo que fala por sí só da creatividade e da capacidade do alumnado, cando está ben acompañado por un profesorado atento e sensible, consciente do seu papel  no momento educativo que nos toca vivir. Parabéns!

"Fotorreclamo" con chiscadela a Roberto Vidal Bolaño

 


 

A figura de Roberto Vidal Bolaño presenta tantas facetas e tan ricas que, aínda sexo complexa a súa obra para o alumnado máis novo, permite achegarse a el desde o xogo teatral, a palabra e a imaxe. Así o entenderon na Escola de Educación Infantil Barrionovo, de Arteixo, que montaron este photocall, para fotografarse á maneira de Vidal Bolaño. A biblioteca escolar,  ambiente de aprendizaxe, tamén, para a expresión teatral. 

Telexornal Vidal Bolaño, desde o CPI dos Dices Rois


Os mozos e mozas do CPI dos Dice-Rois (Rois, A Coruña) remítennos o seu telexornal sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, adiantando xa o que serán os labores do Día das Letras Galegas. Trátase dunha actividade de documentación que se expresa finalmente en forma de "telexornal", unha iniciativa que se encadra perfectamente na formación para a competencia mediática e informacional, impulsada polos currículos actuais e recoñecida polas institucións educativas internacionais  como o gran reto para o sistema educativo dos próximos anos. Luís Aldegunde, o profesor que guía estes traballos no centro, realizou tamén un documental sobre Vidal Bolaño, que apoia as actividades para coñecer a este autor que poidan levarse a cabo nas bibliotecas escolares. Parabéns a todos e todas, e o noso agradecemento pola xenerosidade de poñer estes materiais a disposición de todos os centros. 

Un paseo polo IES A XUNQUEIRA II da man de Rosalía de Castro


Celebrar os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos e manter viva a palabra de Rosalía de Castro é o obxectivo. Pero tamén serve, neste caso, para integrar a poesía na vida cotiá do instituto e, de paso, permitirnos entrar no IES A Xunqueira II, percorrer as súas instalacións e escoitar a voz de Rosalía nas voces do alumnado e de parte do persoal do centro.

Paseo virtual por unha biblioteca escolar


Desde a Biblioteca "Mª Victoria Moreno" do IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra chéganos este "paseo virtual" polo que ha ser a finais deste curso a súa biblioteca escolar, logo das transformacións nas que están embarcados. Interesante produción feita con respecto e con agarimo polo espazo, pero sobre todo polas actividades e as oportunidades de convivencia e de aprendizaxe que este "entorno" pode favorecer. Parabéns!

Un PDI (Proxecto Documental Integrado) arredor do Pan de Nadal


As nenas e nenos do CEIP de Frián-Teis (Vigo, Pontevedra) investigaron profundamente o tema dos pans doces de inverno, a súa procedencia e as súas diferentes versións por Europa e outros lugares do mundo (a través do PDI A lingua sabe a pan) e prepararon este "informativo" para nos dar a coñecer os seus descubrimentos, un exemplo de xornalismo de investigación. Unha actividade de álfabetización mediática e informacional, unha oportunidade de aprendizaxe global... e unha ocasión para larpeiros, lambóns e lambereteiros!

Felicitacións navideñas con l de libro e i de imaxinación.

Desde o IES A Fonsagrada (A Fonsagrada, Lugo) unha felicitación colectiva, con humor e boas vibracións.

E desde o IES As Barxas (Moaña, Pontevedra), coa colaboración do Departamento de Plástica, unha felicitación sorprendente e marcada de lirismo. Exemplos do bo traballo que se está a facer no ensino público galego. Parabéns!

Lectura poética contra a violencia de xénero.


Desde a biblioteca do IES Pino Manso, de O Porriño, as mozas do Club de lectura súmanse ás actividades levadas a cabo en moitas bibliotecas, e na practica totalidade de centros galegos, en contra da violencia de xénero. Tecendo sociedade igualitarua e xusta.

A biblioteca do IES Lama das Quendas (Chantada) presenta a campaña contra a violencia de xénero.


Na biblioteca do IES Lama das Quendas, de Chantada (Lugo), hai tempo que levan emprengando a linguaxe audiovisual como ferramenta de expresión nas súas actividades e propostas. Anteriormente realizaran spots publicitarios para promocionar a lectura entre a comunidade educativa. Agora véñen de presentar na televisión local a súa campaña contra a violencia de xénero. Un bo exemplo de biblioteca escolar como espazo de convivencia e de formación para unha cidadanía máis igualitaria e máis xusta. Parabéns!

Curta sobre o acoso escolar rodada nun centro de Primaria: educando para os medios e algo máis.


Nas pasadas IV xornadas de bibliotecas escolares tivemos ocasión de coñecer experiencias de centros que están a traballar co alumnado as linguaxes audiovisuais mediante a creación de curtas, entre outras actividades. Viuse tamén, ao longo dos distintos relatorios, a urxencia por formar aos máis novos nunha "lectura crítica" dos produtos audiovisuais e dotalos de recursos para que cando se converten en "produtores" de mensaxes a través destes medios, o fagan de forma consciente e responsable. Estes días está na prensa un desafortunado caso de acoso escolar que remata co suicidio dunha mociña. E hoxe chéganos desde a biblioteca do CEIP O Ramo, de Fene, un traballo realizado no centro  no curso pasado, coa autoría do profesor José Carballido e un bo grupo de nenos e nenas, que se implican a fondo e nos lanzan unhas cantas mensaxes. Porque pode ser un complemento a algunhas lecturas que se están a ofrecer nas bibliotecas escolares, especialmente nalgúns clubs de lectura, dámoslle aquí difusión ao tempo que felicitamos aos seus autores e autoras.

De zona de paso.... a recuncho de lectura. IES Poeta Añón (Outes)

Desde o IES Poeta Añón (Outes, A Coruña), chéganos este vídeo que documenta o proceso de transformación dunha zona de paso nun espléndido recuncho de lectura, coa colaboración da rapazada e do Departamento de Plástica do centro: un orzamento mínimo, algún moble reciclado e unha gran dose de imaxinación e ghanas... Gañar espazos para a lectura, unha forma de "mediar" e facilitar que os rapaces e rapazas se sintan a gusto nesa actividade, que é a única forma de habituarse á lectura...  Parabéns por esta iniciativa e grazas por compartila!!

Unha despedida do curso alegre... que comeza na biblioteca


No CEIP de Bandeira (Bandeira-Silleda, Pontevedra) despediron o curso con este alegre lipdub, froito do traballo de todo o centro, coordinado polo ENDLG e o Departamento de Música. Parabéns a toda a comunidade educativa! Esta vez, como  tantas outras, as cousas bonitas comezan na biblioteca....

A biblioteca do IES Salvador de Madariaga (a Coruña), de onte a hoxe.


O IES Salvador de Madariaga, de A Coruña, leva algúns anos intentando mudar a súa biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, actualizado, atractivo e útil para o seu alumnado. O proceso, que nunca remata, foi longo e non foi doado. Non hai máis que ver o vídeo para darse conta do labor que tiveron que enfrontar. É un exemplo dos procesos de transformación que están vivindo as bibliotecas escolares galegas, pero é sobre todo un exemplo (outros houbo xa, afortunadamente) de intervención na que os protagonistas son o profesorado e o alumnado. Vontade de mudar as cousas é o que transmiten esas imaxes, vontade de mellorar e de acadar un espazo educativo de primeiro nivel. Parabéns a toda a comunidade educativa, principalmente ás persoas que o fixeron posible.

Preparando as Letras Galegas 2012


As mozas e os mozos do CPI dos Dices (Rois, A Coruña) están a traballar xa coa figura de Valentín Paz Andrade, preparando motores para a celebración do Día das Letras Galegas, e ofrecéndonos un documento excelente para achegarnos desde as aulas a este personaxe da cutlura galega. Parabéns a este grupo de "reporteiros" e ao profesorado que os estimula e guía,  polo seu traballo.

É obvio o gran traballo de documentación que hai detrás deste "informativo". E detrás, está tamén, de forma evidente, unha biblioteca escolar como centro de recursos para a  información e a aprendizaxe.

Velaquí outros traballos e actividades en distintos centros: