25 outubro - 1 novembro: Semana Mundial da Alfabetización en Medios e Información (AMI) a proposta da UNESCO

A UNESCO propón a celebración da Semana Mundial da Alfabetización dos Medios de Comunicación e da Información (MIL) 2017, a #GlobalMILWeek como un medio para visibilizar as experiencias en materia de educación nas linguaxes dos diferentes medios de comunicación, nun contexto de alfabetizacións múltiples e coa intención de formar ao alumnado como consumidores pero, especialmente, como produtores de información a través dos diversos medios de comunicación: prensa, radio, televisión, vídeo, fotografía, audio, produtos transmedia, internet... 

MIL é a sigla que fai referencia á MEDIA and INFORMATION LITERACY,  que na versión en castelán (e en galego) se traduciu como AMI (Alfabetización Mediática e Informacional), moi presente nas bibliotecas escolares galegas, a través das propostas da consellería en materia de bibliotecas escolares, e incluída tamén como un dos obxectivos do Proxecto Lector de Centro.

Desde a UNESCO fan unha chamada á celebrar esta Semana Mundial  MIL 2017 e propoñen varias formas para facelo. VER IMAXE

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares anímase a incluír algunha proposta que pode vincularse á celebración do Día da Biblioteca (24 de outubro) e que podería concretarse, entre outras, nas seguintes:

  • Difusión das oportunidades da biblioteca escolar para apoiar a alfabetización mediática e informacional do alumnado do centro.
  • Difusión a través do blogue da biblioteca dalgún produto audiovisual de carácter narrativo, poético, xornalístico ou publicitario elaborado por alumnado do centro en relación coa biblioteca, a lectura, o medio ou calquera tema de interese para o alumnado.
  • Analizar novas que se producen ao longo da semana a través de diferentes medios e xerar un produto audiovisual ou unha entrada nun blogue, por exemplo, arredor dalgunha nova que interese ao alumnado. 

As actividades que se leven a cabo neste sentido poderían facer mención a esta #GlobalMILweek co fin de dar visibilidade a esta iniciativa.