O Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares é a folla de ruta da que se dotou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para continuar o seu traballo a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos vindeiros anos.
Lectura, Información e Aprendizaxe son os ámbitos de actuación da biblioteca escolar e dan nome a un plan de actuación estruturado en:
- Obxectivos xerais do Plan LÍA de bibliotecas escolares
- Unha ducia de desafíos, ou retos que cómpre abordar
- Liñas de acción e medidas concretas.
Aínda que xa se vén traballando con esta nova folla de ruta, desde a a administración educativa galega quíxose formalizar e presentar este PLAN LÍA 2016/2020 de bibliotecas escolares nunha biblioteca en pleno funcionamento. Así hoxe, e con este motivo, o Presidente da Xunta de Galicia e o Consellerío de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitaron a biblioteca do IES Maruxa Mallo, de Ordes, e mantiveron un encontro co profesorado do centro, cunha visita incluída ao alumnado que neses momentos traballaba na materia "Investigación e Tratamento da Información", intimamente ligada aos obxectivos que se perseguen no desafío número 5, "as competencias ALFIN/AMI", e que conciben a biblioteca escolar, como instrumento imprescindible para a adquisición de competencias no uso, tratamento e produción de información.