Proxecto Kamishibai - Galicia

A través do seguimento do Plan de mellora de bibliotecas escolares, detectouse a utilización, por parte dalgúns centros, dun teatriño xaponés, denominado “kamishibai”, que favorece a expresión oral a través da narración de contos cunha técnica específica. A utilización deste material propicia, á vez, a escritura e a expresión plástica, entre outras habilidades, esixindo ademais un traballo colaborativo entre grupos pequenos de alumnos e alumnas. Co fin de impulsar a súa utilización adquiriuse un pequeno lote destes teatriños, cos correspondentes contos en versión galego/castelán/inglés, para ofertarllos a algunhas bibliotecas escolares do Plan de mellora a comezos do curso 2012/2013.

Adoptouse como criterio o compromiso das comunidades educativas na atención e uso da biblioteca escolar, posto de manifesto na memoria do curso 2011/2012, así como o feito de seren centros situados en medios rurais do noso país, principalmente das provincias interiores. Tamén se valorou a dispoñibilidade para colaborar na elaboración dun informe a final de curso, sobre os beneficios desta técnica para o tratamento das competencias lingüísticas (entre outras), para o que se lles enviará en breve un pequeno formulario de avaliación . Así mesmo, os centros participantes deste “proxecto kamishibai”, estan conectados entre si nun foro no que veñen intercambiando as súas experiencias, e que está aberto a todo o profesorado interesado (contactar coa Asesoría de bibliotecas escolares).

Finalmente, pedíuselles aos centros que, unha vez coñecidas as posibilidades deste instrumento, compartisen co resto do profesorado unha produción dos nenos e nenas (un conto, un poema, a exposición dun traballo de investigación...) en formato pdf, vídeo ou outros, co fin de difundir a experiencia ao conxunto dos centros educativos.

Abrimos pois este espazo na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia, dedicado ao kamishibai, no que iremos incorporando informacións e materiais sobre este interesante recurso. Velaquí un exemplo: nenas e nenos de 6º de primaria do CEIP Quintela, de Moaña, contan o conto A ratiña presumida, nas aulas de infantil: