CM APSD

Paulino Campos con APSD

O 7 de marzo, o alumnado e profesorado de APSD diúrno e modular e de Integración Social tivemos a sorte de contar con Paulino Campos, xornalista de TVE, RNE, El país, e activista social, presidente de REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e usuarias de residencias e da dependencia) e portavoz da "Plataforma  Estatal de Organizacións de familiares e usuarias de residencias de persoas maiores e de persoas con discapacidade". Paulino ofreceu unha charla acerca da xestión das residencias de persoas maiores en Galiza e da loita que realiza por mellorar as condicións de vida das persoas residentes e das súas familias. Foi unha conversa chea de humanidade e fraternidade cara á dignificación do traballo das xerocultoras e da calidade de vida das persoas maiores. Grazas Paulino!

 

 

Charla de Xaruma

O pasado 18 de febreiro o alumnado de APSD Modular recibiu unha charla sobre saúde mental ofrecida pola Asociación Xaruma. Nela puidemos achegarnos ao labor desenvolvido por esta entidade e debater arredor dos mitos e verdades dos problemas de saúde mental, tan presentes na nosa sociedade actual. Grazas a María por axudarnos a entender mellor esta realidade!

Charla con Jessica Martínez

O martes 15 de febreiro os grupos 1 e 2 de APSD tiveron unha charla con Jessica Martínez Romero, unha moza que padece unha enfermidade rara co grao 3 de dependencia. Falounos do seu día a día e dos coidados que precisa. Ela é feliz porque valora as pequenas cousas de cada día, e todo o que a rodea. Aprecia o cariño de todas as persoas que a coidan, familia e profesionais. Gustaríalle ser coach para axudar as persoas a ser un pouco máis felices. Ten unha cadeira motorizada que lle permite realizar todas as actividades cotiás de xeito autónomo. Moitas graza Jessica.

Obradoiro sobre sostibilidade - 1º APSD

O venres 17 de decembro, o alumnado do 1º curso de APSD do IES Chapela desfrutou dun obradoiro a mans de Manolo González Garrido, socio fundador e expresidente da Cooperativa de Consumo Consciente Árbore (Vigo). A través do obradoiro impartíronse nocións básicas no coidado do noso planeta e como integralo nos coidados propios do desempeño profesional dun/ha TAPSD. Do mesmo xeito, afondouse no concepto das 4R (reducir, reciclar, reutilizar e... recuperar) e nas pequenas accións sostibles que se poden levar a cabo no día a día. O noso planeta é  finito e nós queremos contribuír co noso grao de area dende as nosas aulas.

Discamino no IES de Chapela

A semana pasada unha delegación especial do proxecto Discamino, coa nosa alumna Lara Urdiales, acompañounos coas súas experiencias de aprendizaxe e motivación. O alumnado de APSD participou nesa charla con grande interese. Grazas!! Por gardar un anaquiño do voso importante tempo para estar en Chapela.

Obradoiro de teatro en colaboración coa asociación Xaruma: retrospectiva de outubro a decembro

                    

O alumnado do ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia (horario 2) do réxime de persoas adultas está a desenvolver este curso un obradoiro de teatro inclusivo en colaboración coa asociación Xaruma, centrada no traballo en prol da integración das persoas con trastornos mentais. Neste obradoiro, que se leva a cabo cada dous luns no auditorio do multiusos Piñeiral do Crego, está a participar alumnado e profesorado do ciclo, persoas usuarias e profesionais de Xaruma, e profesorado e alumnado da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática).

O obradoiro inscríbese no proxecto de aprendizaxe “En compañía”, co que perseguimos que o alumnado se achegue aos colectivos de intervención a través do contacto directo con persoas reais do noso contorno pertencentes a estes colectivos, dándolles voz e protagonismo para coñecermos as súas características e necesidades a partir dos seus propios testemuños e experiencias.

Ao longo destas primeiras sesións do obradoiro puidemos tomar contacto coas outras persoas participantes, desinhibirnos pouco a pouco, apropiarnos do espazo, iniciarnos nalgunhas técnicas de teatro-imaxe e reflexionar sobre o que cada unha de nós podemos aportar no que esperamos que culmine cunha pequena peza teatral de creación colectiva. E agora somos xa todas e todos un só grupo ao que decidimos denominar Xanela (de Xaruma + Chapela).

Volveremos en xaneiro con moitas ganas de seguir dándolle forma a esta iniciativa de arte comunitaria. Moitas grazas a todas e todos os que estades a facer posible esta aventura!

O alumnado de APSD presencia a final da I Liga Galega de Fútbol adaptado

O mércores 15 de decembro, o alumnado do 1º e 2º curso de APSD do IES Chapela achegouse ao complexo deportivo de A Madroa para presenciar a final da I Liga Galega de Fútbol Adaptado 8, que organiza a Federación Galega de Deporte Adaptado. Nesta xornada puideron desfrutar do encontro entre o Celta Integra e o Saladino Cortizo.

Esta actividade foi o peche a varios encontros entre a Fundación Celta Integra e o alumnado do CFGM en APSD, no que intercambiaron información, experiencias e opinións. 

Visita AMENCER - ASPACE

O pasado venres 19 de novembro, o grupo de 2° APSD visitou o Centro de Atención Integral AMENCER-ASPACE de Vigo. Coñecemos as instalacións e explicáronnos con todo detalle a súa maneira de traballar e a súa filosofía da atención ás persoas en situación de dependencia. Moitas grazas!!

Diversidade e autonomía - Alex Ferradás

    O xoves 4 novembro o ciclo medio de APSD compartiu unha tarde con Alex Ferradás.Viuno falar do seu día a día desde unha cadeira de rodas, desde a súa Asociación Working Wheels fai charlas polos colexios para sensibilizar sobre a Diversidade e Autonomía. Para Alex a cadeira de rodas non é un impedimento para facer todo o que quere. Practica deporte desde atletismo, ciclismo, natación, e agora quere tentar xogar a  rugbi, a súa gran paixión xunto coa natación. Fai todo dun xeito diferente, sacou 2 ciclos de imaxe e son e de programacións, síntese un privilexiado por mor dunha contorna que lle apoia, a familia, os amigos... 
Tamén comentou que aínda queda camiño por percorrer para acadar unha  accesibilidade en todos os sectores, aínda hai barreiras pero cada vez menos.Falounos da importancia da profesión de coidadores e coidadoras de persoas en situación de dependencia, xa que somos unha parte moi importante no día a día de moitas persoas que precisan de nós para desenvolverse. A importancia da empatía e o respecto á persoa para realizar eses coidados  tendo sempre en conta os desexos da persoa en situación de dependencia.
#sensibilización#concienciación#integración#inclusión

Charal con Selene Domínguez - Casa do maior "A lavandeira"

    Hai unhas semanas 2º APSD disfrutou dunha charla a cargo de Selene Domínguez, a responsable da Casa do Maior "A Lavandeira" de Pazos de Borbén, a primeira fundada en Galicia. O alumnado puido comprobar o bo facer da técnica e aprender das súas vivencias e explicacións. Grazas Selene!!!
Distribuir contido