Escritores galegos en Pontevedra (1)

Con esta entrada comezo unha serie que nos levará a percorrer as rúas de Pontevedra en busca de monumentos e placas en homenaxe a escritores da literatura galega.
E a primeira debe ser a máis achegada a nós: Mª Victoria Moreno, quen durante moitos anos foi profesora no noso centro e tamén ocupou o cargo de xefa de estudos. A placa que nola lembra está situada preto de onde ela vivía, na avenida de Vigo, a carón da ponte que pasa sobre a rúa Eduardo Pondal.
Mª Victoria Moreno Márquez (1941-2005) non naceu na Galiza senón en Extremadura, mais desde que chegou a Pontevedra como profesora adoptou o galego como lingua propia e de creación, ata converterse nunha das nosas principais autoras de literatura infantil e xuvenil (aínda que non só). Leonardo e os fontaneiros foi un dos seus primeiros grandes éxitos, así como Anagnórise, obra da que se tirou a cita da placa e que figura no plan lector do departamento de lingua galega no noso centro.