Escritores galegos en Pontevedra (2)

 A escultura que homenaxea as tertulias pontevedresas, situada na praza de San Xosé, diante do café Moderno, converteuse en poucos anos nun símbolo de Pontevedra e un dos monumentos máis fotografados da cidade. Houbo moitas tertulias recoñecidas en Pontevedra, comezando pola do farmacéutico Perfecto Feijoo (a quen pertencía o loro Ravachol), á que asistiron personaxes como Emilia Pardo Bazán ou Pablo Iglesias, ata as da actualidade, como a do Carabela ou a do Blanco e Negro, á que asisten algúns profesores e antigos profesores do IES Valle Inclán. Evidentemente esta escultura non representa ningunha das tertulias históricas, senón que é un símbolo que une personaxes de diferentes épocas da cultura galega.

Se nos imos fixando neles dun en un, podemos recoñecer no extremo esquerdo a Alexandre Bóveda, un dos principais redactores do Estatuto de Autonomía de 1836. O 20 de xullo foi detido tras o "alzamento nacional", acusado de traizón e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio).

O seguinte é Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a personalidade máis importante de cultura galega do s. XX e profesor do instituto de Pontevedra, na actualidade figura un cadro del realizado por outro antigo profesor do centro a un dos lados da entrada do paraninfo, ademais da exposición permanente nos corredores da planta baixa. Escritor que cultivou practicamente todos os xéneros literarios (narrativa, teatro, ensaio), artísticos (caricaturista, pintor) e -sobre todo- debemos destacar o seu labor político (sempre minimizado desde determinados poderes) tanto no plano ensaístico, Sempre en Galiza, considerada como a biblia do galeguismo como práctico (deputado no ano 1931 e novamente no 36, ministro do goberno republicano no exilio, presidente do Consello de Galiza) entre outras moitas cousas, pois resulta imposíbel resumir a súa contribución á nosa cultura nunhas poucas liñas.

 O seguinte, -xa noutra mesa- é Valentín Paz Andrade, a quen este ano 2012 se lle dedica o Día das Letras Galegas. Personalidade polifacética, mencionaremos aquí unicamente a súa contribución ás letras galegas. Unha das súas primeiras publicacións foi Pranto Matricial (1955), mais cultivou tamén o ensaio (literario, histórico ou económico) e o xornalismo.

Carlos Casares apoia as súas mans sobre os ombreiros deste e do último personaxe sentado. Autor dunha estensa e variada obra literaria é un dos máis sobresalientes escritores da segunda metade do s. XX. Desde a súa primeira e novidosa colección de contos, Vento ferido (1968) ata a póstuma O sol do verán, cultivou tamén con grande éxito a literatura infantil, o ensaio e a tradución. Destacábel así mesmo é a columna xornalística que durante anos publicou en La Voz de Galicia, "Á marxe", na que fixo famoso o seu gato Samuel.

A última figura é Ramón Cabanillas. Basilio Álvarez, a quen coñeceu en Cuba, foi clave na súa decisión de dedicarse á poesía galega, ao unilo á causa agrarista. Aclamado como Poeta de raza, puxo a súa poesía ao servizo da construción nacional de Galiza, sobre todo coa súa obra Na noite estrelecida, na que reelabora os mitos artúricos uníndoos a lendas galegas, en busca da redención de Galiza. Tamén cultivou o teatro e a tradución.

Finalmente, de pé, ameniza a tertulia co seu violín Manuel Quiroga, destacado violinista pontevedrés, que viu rota a súa carreira ao ser atropelado por un tranvía en Times Square, pois foi perdendo a mobilidade do seu brazo dereito ata a parálise. Dedicou o resto da súa vida á composición (temas tradicionais galegos -"Galicia", "Alalá", "Alborada", "Emigrantes celtas", "Muñeira"...-, españois e danzas cubanas e arxentinas) e á pintura.