Oulet do libro galego

O pasado sábado, día 21, inaugurouse o Oulet do Libro Galego, que permanecerá aberto ata o día 29, así que alá fun ás 12 do mediodía escoitar o pregón a cargo do escritor e profesor pontevedrés Manuel Lourenzo, quen tamén está de actualidade porque hai só uns días saíu publicada a súa voluminosa novela Atl, que estou desexando comezar a ler... mais colléronme o sitio na casa e haberá que agardar quenda.

O pregón foi moi ameno, falounos dos libros esquecidos ou descoñecidos que iamos atopar naquelas mesas (mesmo podería estar o Códice Calixtino de non ser un exemplar único), do fermoso que é darlle unha segunda oportunidade a todos estes libros que a sociedade consumista na que vivimos agocha para deixar sitio a outros máis recentes, ou da nosa ledicia se atoparmos aquí algún dos nosos libros perdidos, ou emprestados e xamais devoltos...

Así que se teñen un momento libre nesta semana, pasen polo Café Moderno de Pontevedra e marcharán cargados de libros a bon prezo; se se achegan sobre as doce da mañá coincidirán con algún acto especialmente dedicado aos cativos e se o fan ás 20,15 atoparán outro dedicado ao público en xeral.