literatura

A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

Onte acudín á presentación do libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, na libraría Paz, como se pode apreciar nas fotos publicadas no Diario de Pontevedra hoxe. Da novela aínda non podo opinar porque só lin o primeiro capítulo, pero xa promete; espero que me guste tanto, polo menos, como Os fillos do mar. O acto foi moi ameno: unha conversa entre o editor, Manuel Bragado, e o autor foinos contando algúns aspectos da novela, aínda que sen desvelar o argumento. Para finalizar, cando estabamos agardando que Pedro Feijoo lese un fragmento da obra, comezou de súpeto unha interpretación do actor Paco Barreiro que nos engaiolou a todos os presentes.

Oulet do libro galego

O pasado sábado, día 21, inaugurouse o Oulet do Libro Galego, que permanecerá aberto ata o día 29, así que alá fun ás 12 do mediodía escoitar o pregón a cargo do escritor e profesor pontevedrés Manuel Lourenzo, quen tamén está de actualidade porque hai só uns días saíu publicada a súa voluminosa novela Atl, que estou desexando comezar a ler... mais colléronme o sitio na casa e haberá que agardar quenda.

O pregón foi moi ameno, falounos dos libros esquecidos ou descoñecidos que iamos atopar naquelas mesas (mesmo podería estar o Códice Calixtino de non ser un exemplar único), do fermoso que é darlle unha segunda oportunidade a todos estes libros que a sociedade consumista na que vivimos agocha para deixar sitio a outros máis recentes, ou da nosa ledicia se atoparmos aquí algún dos nosos libros perdidos, ou emprestados e xamais devoltos...

Así que se teñen un momento libre nesta semana, pasen polo Café Moderno de Pontevedra e marcharán cargados de libros a bon prezo; se se achegan sobre as doce da mañá coincidirán con algún acto especialmente dedicado aos cativos e se o fan ás 20,15 atoparán outro dedicado ao público en xeral.

Os fillos do mar, de Pedro Feijoo

Acabo de ler esta primeira novela de Pedro Feijoo, artista polifacético -músico, ensaísta e narrador-, que quedou finalista do último premio Xerais e foi para min unha grata sorpresa.

Estamos ante unha obra voluminosa (425 páxs) pero atraente, que "engancha" desde as primeiras páxinas; os seus capítulos curtos fan aínda máis difícil afastarse dela, pois sempre queremos saber qué sucede a continuación.

Unha novela que pode gustar a un público moi dispar, pois abrangue épocas e temas moi diversos. Centrada na actualidade, trasládase tamén a diversos momentos do pasado: 1702 e o misterio do ouro dos galeóns de Rande, a guerra civil de 1936, os tempos da ditadura franquista, do nazismo alemán...

 O protagonista, Simón Varela, é contratado para realizar  unha reforma no xardín por unha rica anciá que morre de súpeto poucos días despois deixándolle en herdanza un cofre que el encontrara no interior da fonte do xardín. Na lectura do testamento coñece a filla da anciá, Mariña, con quen se verá inmerso nunha serie de aventuras e perigos derivados dunha moeda antiga de ouro que herda ela, ao mesmo tempo que intenta descifrar o significado das reas de letras que figuraban nuns folios gardados nun sobre dentro do cofre que dona Isabel lle deixara. 

Distribuir contido