Os fillos do mar, de Pedro Feijoo

Acabo de ler esta primeira novela de Pedro Feijoo, artista polifacético -músico, ensaísta e narrador-, que quedou finalista do último premio Xerais e foi para min unha grata sorpresa.

Estamos ante unha obra voluminosa (425 páxs) pero atraente, que "engancha" desde as primeiras páxinas; os seus capítulos curtos fan aínda máis difícil afastarse dela, pois sempre queremos saber qué sucede a continuación.

Unha novela que pode gustar a un público moi dispar, pois abrangue épocas e temas moi diversos. Centrada na actualidade, trasládase tamén a diversos momentos do pasado: 1702 e o misterio do ouro dos galeóns de Rande, a guerra civil de 1936, os tempos da ditadura franquista, do nazismo alemán...

 O protagonista, Simón Varela, é contratado para realizar  unha reforma no xardín por unha rica anciá que morre de súpeto poucos días despois deixándolle en herdanza un cofre que el encontrara no interior da fonte do xardín. Na lectura do testamento coñece a filla da anciá, Mariña, con quen se verá inmerso nunha serie de aventuras e perigos derivados dunha moeda antiga de ouro que herda ela, ao mesmo tempo que intenta descifrar o significado das reas de letras que figuraban nuns folios gardados nun sobre dentro do cofre que dona Isabel lle deixara.