Escritores galegos en Pontevedra (9)

O 9 de marzo foi o 317º aniversario do nacemento do Padre Sarmiento. en Villafranca del Bierzo. Aos poucos meses virá para Pontevedra, onde vivirá ata ingresar na orde dos bieitos, na adolescencia.

A súa relación con Galicia e Pontevedra non se reduce a esta estancia, senón que unha parte importante da súa obra estará dedicada á nosa terra: estudos de historia natural, botánica, a lingua galega e a súa consideración social na época... Con respecto a esta, como noutros aspectos, foi un adiantado ao seu tempo pois denunciou o sensentido que supuña ensinarlles aos nenos galegos a gramática latina en castelán, lingua que tamén descoñecían, ou que curas e empregados da administración ignorasen a nosa lingua.

Entre a súa obra destacaremos as Coplas gallegas, manuscrito catalogado na Biblioteca Nacional de Madrid co título de Glosario en que se trata del origen, antigüedad, etimologías y esplendor de la lengua gallega, o que xa nos dá unha idea do seu contido.

A placa que nos lembra os seus anos en Pontevedra áchase nunha casa da pequena rúa da Palma, que desemboca na praza de Méndez Núñez.