Fomento da lectura

Clubs de Lectura

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publica, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, unha convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura, durante o curso 2007/2008, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que matriculen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 20 de novembro.

Texto da convocatoria e impreso de solicitude.

A Guía do Profesorado LER O MUNDO,  dos materiais para o 1º ciclo do ensino secundario da campaña de fomento da lectura HORA DE LER contén informacións sobre os obxectivos e as fórmulas máis axeitadas para a posta en práctica dun club de lectura con alumnado adolescente. Contén tamén recursos e bibliografía.

Os que máis len: nenas e nenos entre 10 e 13 anos

A Federación de Gremios de Editores de España vén de facer públicos os resultados do Barómetro de Hábitos de Lectura y compra de Libros correspondente ao terceiro trimestre de 2007. Consolídase o grupo de nenas e nenos entre 10 e 13 anos como o sector da poboación que máis le: 9 de cada 10 nenas e nenos desta idade decláranse lectores; a maioría le por elección propia e porque lles gusta.

Un dato significativo é que o 94,5% dos nenos e nenas enquisados afirman que no seu colexio os profesores lles animan á lectura.

Outro dato importante: nos fogares destes lectores, o 73,4% dos pais len de forma cotiá e un 80,7% mercoulles ou regaloulles libros no último ano.

O mesmo estudio sinala que entre a poboación lectora maior de 14 anos (o 57%), o grupo de poboación que máis le son os mozos entre 14 e 24 anos, que o fan nun 70,2%

Non debe pasarse por alto outro dato deste barómetro, o que indica que só escolle o galego para as súas lecturas un 0,1% da poboación lectora. Por último, un vistazo á lista dos libros máis lidos en xeral, e entre os máis novos en particular, chama a unha reflexión á hora de preparar seleccións de lecturas e itinerarios lectores para o noso alumnado, co fin de mellorar a súa competencia literaria.

LIX que ule a mar

A revista de Literatura Infantil e Xuvenil galega FADAMORGANA vén de publicar un novo número dedicado ao mar, baixo o título LIX que ule a mar. Asinan os diversos artigos Helena Villar Janeiro, Rosa Aneiros, Antonio Reigosa, Miguel Vázquez Freire, Pilar Sampedro, Xosé Cobas, Ánxela Gracián e Gustavo Puertas.

A revista inclúe entrevistas coa autora argentina Graciela Montes, a Noemí López, (autora das ilustracións deste número) e coa escritora Marilar Aleixandre.

Recolle tamén outras seccións habituais como recensións de novidades de literatura infantil e xuvenil en galego, portugués, castelán, éuscaro, catalán, polaco, francés... así como materiais e recursos de interese para os mediadores. Pode resultar de interese como recurso para proxectos interdisciplinares, campañas de fomento da lectura, etc., relacionados co mar.

Dereito dos nenos a escoitar contos

A Asociación Colombiana do Libro Infantil publicara hai uns anos un Decálogo do dereito dos nenos a escoitar contos. A Asesoría de Bibliotecas Escolares fixera esta tradución en 2004.

Non hai outra...

Así o afirma o escritor Miguel Anxo Fernández, despois dunha sesión cos lectores e lectoras na biblioteca escolar do IES Alexandre Bóveda de Vigo, nun artigo publicado en La Voz de Galicia o 17 de maio de 2007:

Unha horiña de charla e medio cento de rapaces, preguntas incluídas, todas intelixentes e que demostraron dúas cousas: leran a novela e metéranse nela! Non hai outra: mestres cómplices e alumnos motivados. O resto, lerias.

Rachar cos límites, liberar os libros, liberar as mentes

Os libros queren saír na procura de lectores... e cando o conseguen, os resultados acostuman ser óptimos. Unha experiencia nun centro de secundaria do noso país: o préstamo autoxestionado. Os libros no corredor da entrada, uns impresos para cubrir e entregar en conserxería, uns bos títulos (novos, recentes, quentiños, atractivos, ben seleccionados...) e a experiencia camiña por si soa. Cando se remata de ler, se volve entregar en conserxería ou na propia biblioteca escolar. Entre outras conclusións, os seus responsables destacan a xeito de primicia: os libros non escapan, a xente le cando ten acceso aos libros, o "despiste" de libros non é un deporte practicado pola rapazada. Máis información, na biblioteca do IES Sánchez Cantón.

Tres novos libros galegos na lista White Ravens

A Biblioteca Internacional da Mocidade de Munic vén de incluír na súa selección de libros The White Ravens, correspondente ao ano 2007,  tres títulos escritos orixinalmente en galego:

  • A princesa do Courel, de Patacrúa, na editorial OQO.
  • A sombra descalza, de An Alfaya, en edicións Xerais.
  • Smara, de Paula Carballeira, na editorial Kalandraka.

A White Ravens é unha relación de títulos seleccionados anualmente polos especialistas da Internationalen Jugendbibliothek, que salientan pola súa calidade literaria ou plástica,  polos valores que promoven e pola súa idoneidade para poñer nas mans dos lectores máis novos.

23 de abril: Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor

"A lectura non é un deber de ninguén. É un dereito, si, de todo cidadán, e por el temos que loitar, loita que si constitúe un deber. Incluso na guerrilla cotiá da resistencia constante, empeñándose en sacar libros da biblioteca, levar libros á casa, ler no autobús, regalar libros, falar de libros con compañeiros e amigos, apagar o televisor a cambio dun libro no momento en que hai un programa aburrido (non é posible que todo o mundo crea que nunca hai nada aburrido na televisión). E na estratexia máis ampla, frecuentando librerías aínda que sexa para follear un libro e sacar algún proveito, escribindo a xornais e revistas para esixir máis espazo dedicado á literatura, esixindo aos candidatos a alcalde, concelleiro e deputado un compromiso público coa consideración dese dereito en cada provincia e concello. Na acción cotiá profesional, esa estratexia adopta outras formas, pero debe manterse viva, comprometéndose na loita por unha sala de lectura na escola, pola garantía dun tempo reservado á lectura no horario escolar, pola renovación do fondo de libros do colexio."

Lectura, escuela y creación literaria
Ana María Machado. Premio Andersen de literatura infantil.