CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra): Un centro LÍA.2

Visitamos a biblioteca do CEIP Quintela, de Moaña, integrada no PLAMBE desde a segunda convocatoria en 2006, que evolucionou seguindo as necesidades do seu alumnado e o propio desenvolvemento do modelo de biblioteca escolar para adaptarse ás novas demandas que a sociedade lle vai facendo ao sistema educativo. De sempre, unha das liñas de traballo deste centro foi a colaboración coas familias, tamén desde a biblioteca escolar. En 2018 incorporouse ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2". O equipo docente aceptou o reto da consellería para colaborar na exploración das novas funcionalidades da biblioteca escolar e, como podemos ver neste audiovisual, os avances son importantes e a biblioteca é hoxe un espazo de encontro e un centro creativo das aprendizaxes, tal e como se pretendía. Coma en todos os centros LÍA.2, a biblioteca como organismo vivo seguirá ampliando os seus obxectivos e ofrecendo a toda a comunidade educativa ocasións para a lectura, a escrita, a investigación, o traballo colaborativo, a comunicación e a convivencia.