Letras Galegas 2016: Manuel María

Un ano máis, as mozas e mozos do CPI dos Dices Rois (Rois, A Coruña), baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, achégannos o telexornal sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Manuel María recibe este ano a atención de institucións culturais de todo tipo pero é nos centros educativos onde a súa voz vai cantar máis alegre, nas múltiples actividades organizadas polos Equipos de Normalización Lingüística e as bibliotecas escolares. Este TELEXORNAL MANUEL MARÍA é un excelente exemplo de educación para os medios e de aprendizaxe baseada en proxectos. O propio Luís Aldegunde explícanos:
No Telexornal Manuel María participou todo o alumnado do club e lectura e outro alumnado de 3º e 4º de ESO. É o resultado de oito meses de traballo (porque xa empezamos en agosto) e para estes vinte e cinco minutos foron necesarias moitísimas horas de traballo: concertar entrevistas, asistir a varios actos na Casa Museo, participar en varios roteiros, gravación das localizacións que foron importantes na vida de Manuel María, preparación de guión con grupos de whats app co alumnado incluídos, gravación con chroma no propio centro, etc.
O telexornal Manuel María vén de ser galardoado pola Asociación Pedagóxica Galega no seu VI Certame de curtas para Rosalía.  Segundo o xurado  recoñécese o ‘Telexornal Manuel María’ “pola súa eficaz achega para o coñecemento e difusión da obra e o legado de Manuel María, co mérito acrecentado de estar protagonizada por escolares que se dan moi ben coa expresión audiovisual e axudan a construír un exemplo vivo de comunicación social galega emancipada”. + info