1 de febreiro, Día da Lectura en Voz Alta

A Asociación Lit World promove desde o ano 2010 a conmemoración anual do Día da Lectura en Voz Alta, o 1 de febreiro, como unha chamada de atención sobre a importancia desta práctica de lectura no desenvolvemento da linguaxe, o amor pola lectura e o fortalecemento de hábitos persoais, para o que realizan varias propostas que poden valorarse.

Pola súa parte, a Asociación Entrelibros, xunto con outras institucións,  publicaron en 2016 un manifesto a prol da lectura en voz alta baixo o lema: "DA VOZ ÁS LETRAS " que se pode ler tamén en galego. 

O Plano Nacional de Leitura, de Portugal, realiza varias propostas por mor deste 1 de febreiro co título DESAFÍOS DE LEITURA EM VOZ ALTA, que tamén se poden ter en conta.

As bibliotecas escolares galegas teñen incorporada esta actividade en moitas das súas dinámicas pero non está de máis sumarse, se se pode, a esta celebración cunha lectura dun poema, por exemplo, neste ano de "Poéticas diversas na biblioteca escolar". 

Na imaxe, tempo para a lectura no CPI Cruz do Sar, de Bergondo (A Coruña).