Lecturas no Canmiño

A Dirección Xeral de Centros e RR.HH. en colaboración coa entidade Golfo e Dama puxo en marcha neste mes de outubro unha iniciativa integrada no programa Biblioteca Inclusiva, destinada a favorecer experiencias de lectura apoiada con cans. Este programa ten o patrocinio do Xacobeo 2021.

Baixo o lema Lecturas no Canmiño, a psicoterapeuta Marta Jaquet e o seu can Brus van visitar ao longo do mes do outubro cinco centros PLAMBE: CEIP Lamas de Abade, CEIP O Camiño Inglés, CEE Navalón, CEE Nosa Señora do Rosario e EEI Barrionovo onde realizarán diferentes sesións de lectura coas que practicar e mellorar as habilidades lectoras e de comunicación do alumnado.

Unha vez avaliada a idoneidade da proposta e escoitados tanto o profesorado como o alumnado que participou nesta iniciativa, valorarase desde esta Consellería a implementación dun programa destas características noutras bibliotecas escolares. As primeiras noticias que nos chegan dos centros son altamente positivas.

Pódense ver aquí as imaxes nos blogs dalgúns dos centros participantes neste proxecto piloto. Seguirase ampliando toda a información.