Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura- 2009/2010

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 30 de decembro de 2009, da convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos de ensino secundario,  para o curso 2009/2010.

Un total de 177 clubs de lectura reciben axudas por mor desta resolución, o que representa que nun 48% dos centros públicos que albergan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ou ensinanzas de réxime espacil, funciona un club de lectura. Algúns  clubs acollen varios grupos, en función da idade ou dos intereses dos participantes; en varios centros funcionan, ademais, círculos de lectores de pais, nais, profesorado e persoal non docente. Cómpre salientar o papel que nesta realidade está exercendo o profesorado que, sen compensación algunha máis ca satisfacción profesional e humana, están dispostos a poñer en marcha un club de lectura, e a involucrarse desta forma na construción dunha sociedade lectora, tan necesaria para a pervivencia dos espazos democráticos e para a mellora da calidade de vida de todos os cidadáns.