Día Mundial do Libro 2010 - II

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, a instancias da UNESCO, retomando así unha vella celebración catalana. Lemos na declaración de Irina Bukova, directora xeral deste organismo internacional: "Os libros son á vez obras de arte e ciencia, e vectores de ideas. Plasman de maneira magnífica as diversidades creadoras. Conducen ao coñecemento universal e participan no diálogo entre culturas. Son instrumentos de paz".

As bibliotecas escolares galegas ferven nestes días con actividades para a posta en valor do libro e da lectura. Todo o ano se traballa para a formación das lectoras e dos lectores, pero nestes días ese traballo toma forma e inunda biblioteca, corredores e aulas. A imaxinación e o coñecemento do profesorado ponse de manifesto en actividades orixinais e ben construídas para fomentar a lectura pero tamén se saben aproveitar iniciativas alleas, sumando vontades para a construción da sociedade lectura, na que tod@s estamos involucrados. Así, máis de cen bibliotecas escolares recolleron a proposta da ONG galega, Implicadas no Desenvolvemento, e están a difundir, mediante unha exposición, as respostas de moitas persoas procedentes de distintos sectores da cultura, á pregunta PARA QUE LES?(actividade coordinada a través da Rede e nun alarde da traballo colaborativo, polas responsables das bibliotecas do IES DE FENE e do IES SÁNCHEZ CANTÓN, de Pontevedra) Nalgúns centros esta proposta se modifica e son os membros da comunidade educativa os que responden esta cuestión. O obxectivo comun: a difusión da experiencia lectora. Hai noticia desta exposición en moitos dos blogs das bibliotecas escolares galegas (PRIMARIA - SECUNDARIA).  Unha visita a estes espazos virtuais pode dar unha idea da inmenso movemento a favor da lectura que se está a producir nos centros de ensino galegos.

Pola súa parte, o CEIP Milladoiro de Malpica, difunde as respostas de distintos lectores (algúns ben coñecidos) que lles falaron do seu gusto pola lectura e do seu libro favorito.