Maletas viaxeiras en préstamo temporal aos centros.

Neste mes de outubro, declarado pola IASL como Mes Internacional da Biblioteca Escolar, as bibliotecas escolares galegas botan a andar proxectos anuais ben interesantes. A chegada aos centros do cartel co lema BIBLIOTECA ESCOLAR... MATEMÁTICO! é unha contribución da consellería á visibilización das múltiples posibilidades da biblioteca ao servizo do currículo e, tamén, da súa potencialidade para espertar o gusto polas matemáticas.

Como complemento a este material, póñense en marcha as MALETAS VIAXEIRAS DE MATEMÁTICAS (primaria - secundaria) , que xunto con outras de contido moi diverso (banda deseñada, ciencias naturais, física e química, bioloxía, inglés, ou maletas para familias) estarán dispoñibles para os centros que as soliciten, en préstamo temporal. Amplíase así a oferta xa existente nestes últimos cursos (poesía, lectura, cómic, Camiño de Santiago, Os mundos de Cunqueiro). 

Para coñecer o contido das maletas dispoñibles, así como para realizar a SOLICITUDE ou coñecer o estada do RESERVA, débese acceder a esta APLICACIÓN DAS MALETAS VIAXEIRAS, que se mantén desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares

Clicando sobre a imaxe dunha maleta en concreto, accédese ao seu contido. Na maioría dos casos, hai tamén un documento con bibliografía e recursos complementarios. Velaquí o caso da maleta MATEMÁTICAS A (Secundaria).

Clicando no apartado RESERVA de cada unha das maletas, accédese ás INSTRUCIÓNS e ao FORMULARIO para realizar a solicitude

As maletas pódense solicitar en préstamo temporal de 15 días 30 días, ampliable se non houbese máis solicitudes pendentes. O traslado destes materiais é de responsabilidade do centro solicitante, que debe recoller e entregar na localización da maleta (en principio, a propia Asesoría de BE).