Premio "Francisco Fernández del Riego á colaboración no ámbito editorial e cultural" para Bibliotecas Escolares de Galicia

A Asociación Galega de Editores decidiu conceder o Premio "Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural,  correspondente ao ano 2014,  ás Bibliotecas Escolares de Galicia. O pasado venres 13 de marzo, o conselleiro Cultura, Educación e O.U. recibiu o premio, no acto celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra, en representación  de todo o profesorado e das comunidades educativas que fan posible a existencia de bibliotecas activas e útiles nos centros educativos galegos.

Desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e desde a Asesoría de bibliotecas escolares, agradécese aos editores galegos este recoñecemento. Xa en ocasións anteriores, os editores galegos amosaran interese polos programas de mellora das bibliotecas escolares e de fomento da lectura no contexto educativo ao convidar  a integrantes da Asesoría de bibliotecas escolares para participar no seu simposio anual do libro e da lectura, en diferentes anos, co fin de expoñer as características e os  logros destas iniciativas da administración educativa galega. Agradécense, así mesmo, estas ocasións para dar visibilidade a unha realidade educativa e cultural que contribúe á mellora dos índices de lectura da sociedade galega, e traballa por ofrecer oportunidades de aprendizaxe renovadoras e actuais a todo o alumnado.