Premio dos Clubs de Lectura 2016 para Ledicia Costas

A escritora Ledicia Costas acadou o Premio dos Clubs de Lectura 2016, segundo se contempla na Resolución do 23 de abril do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, publicada o mesmo 23, Día Mundial do Libro, no Portal Educativo.

Con este premio, creado en 2015, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. quere recoñecer a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandonno, ao ampliarse ao abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. 

O premio recoñece ao autor ou autora máis lido polos clubs de lectura de ensino secundario que participan no programa de Clubs de lectura desta consellería.  Revisadas as memorias de actividades destes clubs así como as lecturas realizadas no pasado curso, a vista da relación de autores máis lidos polos clubs nese curso 2014/2015, e tendo en conta os requisitos do premio, concedeuse este galardón á escritora LEDICIA COSTAS, autora de títulos moi variados tanto en xénero como en contido, que concita o interese dun grande número de lectores e lectoras de todas as idades. Os títulos máis lidos desta autora polos clubs no pasado ano foron: O corazón de Xúpiter, Escarlatina, a cociñeira defunta e Unha estrela no vento.

Ledicia Costas participará na vindeira IX Xornada dos Clubs de Lectura que terá lugar en Compostela o 10 de xuño, coa participación do profesorado que coordina os clubs de lectura en 239 centros con ensinanzas de secundaria, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas ou de réxime especial (CMUS ou Escolas Oficiais de Idiomas), durante o presente curso, e no transcurso desta xornada seralle entregado o galardón co recoñecemento do profesorado e, por el representados, das lectoras e dos lectores. 

+ INFORMACIÓN