Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017

Os vindeiros 16 e 17 de marzo o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela acollerá unha vez máis os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES. Coma en anos anteriores, está convocado para a primeira xornada o profesorado dos centros que se incorporaron a este programa no curso 2016/2017, así como unha treintena de coordinadores da biblioteca do seu centro que son novos nesta responsabilidade. Xa na segunda xornada, o 17 de marzo, reuniranse os responsables da biblioteca da totalidade dos centros Plambe, que neste curso inclúe  615 bibliotecas (605 centros públicos e 10 centros privados concertados). 

En tempos de evolución e cambios profundos no ámbito social e educativo cómpre empregar utensilios ben calibrados para acertar no rumbo a seguir; imponse a necesidade de estudar ben as direccións dos ventos e a súa intensidade; é obrigatorio dotarse de argumentos e razóns para seguir adiante nos camiños de innovación encetados e sortear, así, perigos diversos. O faro como símbolo da luz e o coñecemento tense empregado para referirse ás bibliotecas. Reivindicámolo aquí tamén como invento humano imprescindible para guiarse na escuridade: o mesmo que a biblioteca escolar.