Skip to Content

Prazas vacantes para o curso 2022-2023

  
Para ver a listaxe de vacantes, prema no arquivo PDF adxunto.

Tanto a listaxe de vacantes como a listaxe de reservas asignadas ao alumnado de centros adscritos pódense consultar no tablón de anuncios da Secretaría do centro.

 

23 de febreiro. Día de Rosalía

No I.E.S. de Cotobade quixemos renderlle a nosa singular homenaxe a Rosalía de Castro no seu día. O 23 de febreiro un grupo de alumnas e profes foron de ruada no recreo coas súas pandeiretas para disfrutarmos deste día de festa. Ademais, o alumnado recibiu un bolígrafo máxico que só escribe en galego, agárdase que non sexa necesario acudir á nosa conciencia polo seu mal funcionamento!

Texto e organización: Equipo de Dinamización da lingua galega.

Para ver o vídeo do acto, prema aquí

Montse Fajardo no IES de Cotobade

O pasado 9 de febreiro tivemos a sorte de contar coa presenza da investigadora e escritora Montse Fajardo.  O noso alumnado de 4º ESO puido escoitar e participar da charla “A represión contra as mulleres tras o  golpe de estado de 1936” un relato pola MEMORIA, na que se recuperaron e dignificaron voces como a de Urania Mella, Elvira Lobeiro, María Gómez, Encarnación Rodríguez, Manuela Abuín ou Ernestina Otero entre outras moitas vítimas. O coloquio encadrábase dentro da materia de Lingua e Literatura galega co fin de ofrecer unha visión máis ampla do que foi o proceso de esfarelamento dos logros lingüísticos e literarios acadados no primeiro terzo do século XX.

Agradecemos inmenso a Monste o seu traballo, profundamente pedagóxico e didáctico e sobre todo, necesario.

2º reparto de máscaras cirúrxicas ao alumnado beneficiario

Segundo a ORDE do 28 de outubro de 2021 pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes públicos dependentes desta consellería, así como en centros privados concertados, no curso 2021/22 (código de procedemento ED330E), o vindeiro martes 22 de febreiro, procederase ao segundo reparto de máscaras cirúrxicas ao alumnado beneficiario.

  • 1 caixa de 50 máscaras cirúrxicas por alumno/a dando cobertura ata o vindeiro 9 de maio de 2022.

Contabilízanse unha máscara diaria e dúas para os martes para o seu uso en período lectivo, de acordo cos criterios recollidos na Orde do 28 de outubro de 2021.

11F. Día internacional da muller e da nena na ciencia.

Rosalind Franklin, Hedy Lamarr, Mary Anning, Agnes Pockels, Ángeles Ruíz Robles, Lynn Margulis, son algunhas das moitas científicas que estiveron presentes ese día no noso instituto. Gran parte do profesorado caracterizouse destas investigadoras esquecidas, para reivindicar as achegas que estas mulleres fixeron nos seus diversos campos. Entraron nas aulas e cada profesora relatou a súa biografía, o contexto social, as dificultades que atoparon para levar a cabo o seu traballo, e sobre todo, como foron silenciadas ao longo da historia, levando os méritos os seus compañeiros masculinos.

A actividade foi tremendamente didáctica polas aportacións, preguntas e interese que mostrou o alumnado.

Desde o centro seguiremos reivindicando este día para que a historia destas pioneiras sexa coñecida.

“Polas que foron, polas que son, pero sobre todo... polas que van ser!”

Formación sobre mediación entre iguais e cibermentoría

Tras a volta das vacacións do Nadal, todos os grupos da ESO recibiron dúas sesións de formación sobre mediación entre iguais e cibermentoría

A mediación é a forma de resolver conflitos entre dous ou máis persoas coa axuda dunha terceira persoa imparcial, o mediador que regula o proceso de comunicación cara a unha posible solución que satisfaga as necesidades das partes en conflito. É a intervención non forzada nun conflito de terceiras persoas neutrais para axudar ás partes implicadas a que o transformen por si mesmas.

Felices festas!!

O IES de Cotobade deséxavos unhas felices festas e merecido descanso!! Volvemos con forza o vindeiro luns 10 de xaneiro.

Obradoiros de Nadal e entrega de trofeos e medallas aos finalistas do campionato de Bádminton 2021

Como cada curso, o noso Centro despide o ano 2021 cuns obradoiros de Nadal dirixidos polo profesorado e alumnado do Centro.

Ofrecéronse 15 talleres diferentes onde alumnado e profesorado compartiu as súas habilidades, amosando o seu enxeño e creatividade máis alá das aulas: 

  • Iniciación ao manexo de drons
  • Papiroflexia
  • Creación de pulseiras
  • Adornos de Nadal
  • Decoración de cantos rodados
  • Lectura Dramatizada
  • Creación en 3D
  • Torneo de pimpón 
  • Confección de bruxas con elementos naturais
  • Corpos Xeométricos
  • Scrabble
  • Xogo de palabras
  • Xogo: 1,2,3
  • Xogos populares
  • Microscopia

Por outra banda, o departamento de Educación Física fixo a entrega de medallas e trofeos aos finalistas e campións dos torneos de Bádminton realizados ao longo do trimestre, actividade enmarcada dentro do Proxecto Xogade da Xunta de Galicia. 

Alumnado do 3º curso de ESO do IES de Cotobade gañador de REMA 360º!!

O pasado 17 de decembro, o alumnado do terceiro curso de ESO, acompañado por Víctor José Álvarez Piñeiro, Xefe de estudos do noso centro, asistiu ao acto de entrega de premios do scaperoom#Redrema#PasaporteRema celebrado no centro comunitario de Caión (A Laracha).

A conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo, fixo entrega dos diplomas aos centros finalistas, rematando coa entrega do primeiro premio ao noso centro,  gañador do concurso.
Incidiu na importancia dos 27 espazos museísticos da rede REMA, Galicia como promotora do patrimonio mariñeiro e a difusión da oferta museística local. Ao amparo desta iniciativa, organizáronse actividades como REMA 360º, que consistiu en desenvolver unha unidade didáctica para os centros educativos localizados nos territorios dos GALP sobre cultura mariñeira atlántica en formato escape room virtual facendo un percorrido pola Rede REMA.

Agradecemos o labor da profesora de Xeografía e Historia , Rita Rodríguez Pereira pola súa iniciativa, posta en marcha e desenvolvemento do proxecto no pasado curso escolar 2020/2021, impulsando a participación do alumnado do segundo curso de ESO, para culminar hoxe no éxito recoñecido.
Desde o centro, cómpre salientar a boa disposición das familias durante o concurso e acto de entrega de premios.

Parabéns a todo o alumnado participante e gañador!!! Campións!

Distribuir contido


by Dr. Radut