Meu pai vaite matar, de Mª Xosé Queizán

A obra está protagonizada por Diana, de pais progresistas, que viviron os anos da transición e nun primeiro momento non son quen de asumiren a profesión da filla: criminóloga na Brigada da Policía Nacional. Ao visitar a tía Lola, irmá solteira da nai e herdeira da casa familiar, decátase de que o ignora case todo sobre os seus antepasados, pois a súa nai rompera coa familia na mocidade; lembrando algunhas escenas coa tía Lola cando Diana era nena vaina interrogando en busca de respostas e nota que a tía evita falar de certas cousas, ou mente sobre o seu irmán Moncho, que marchou para a Arxentina de moi novo. Cando Diana herda a casa e descobre unhas cartas do tío Moncho desde un presidio arxentino, decide ir alá investigar que foi o que motivou o seu encarceramento. Vivirá entón aventuras inesperadas e coñecerá personaxes que cambiarán por completo a súa vida.
Nesta novela, Mª Xosé Queizán trata temas que aparecen con frecuencia na súa obra (a pederastia, o maltrato machista...), desde unha perspectiva de muller, ofrecendo unha visión diferente á que estamos acostumados, máis positivista e menos sentimental. De aí a importancia que adquire a teoría de Darwin sobre a evolución das especies, ou o predominio da intelixencia sobre a sensibilidade.