Voluntariado de lectura-A

Iniciouse a Xornada do Voluntariado de Lectura no CRD da Coruña, en Culleredo

 

Os alumnos e alumnas  de Voluntariado de lectura-A, dos centros seleccionados para pasar unha semana no Centro Residencial Docente da Coruña (Culleredo), chegaron a última hora da mañá ás instalacións que lles servirá de base esta semana para unhas xornadas de convivencia arredor dos valores relacionados coa solidariedade, o voluntariado e o traballo colaborativo. Déronlle a benvida o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos (de onde parte esta iniciativa, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado), así como a Subdirectora Xeral de Centros e a Directora do CRD da Coruña. O alumnado, procedente do CEIP José María Lage (Ortigueira), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Filomena Dato (Barbadás) e do CEIP Manuel Sieiro (Crecente) participou, trala comida inicial, dunha tarde adicada aos xogos cooperativos e a aprender os rudimentos da Lingua de Signos. No segundo día destas xornadas de convivencia teñen prevista unha visita ás instalacións da Cruz Vermella, de A Coruña, con participación en obradoiros diversos, e xa pola tarde, terán oportunidade de presentar aos seus compañeiros e compañeiras as actividades de Voluntariado de lectura que levaron a cabo na biblioteca escolar e en actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro, polas que foron seleccionados. 

+ INFORMACIÓN

Voluntariado de lectura-A: centros seleccionados.

 

O pasado día 13 de maio, publicouse no Portal Educativo a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se daban a coñecer os centros seleccionados na convocatoria do programa VOLUNTARIADO DE LECTURA-A, para participar nunhas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura, que se celebrará na última semana de maio no Centro Residencial Docente de A Coruña.

Nesta xornada os participantes (unha representación de 12 alumnos/as por centro, acompañados dun profesor ou dunha profesora), asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros. Completarase con visitas a unha biblioteca e ás instalacións dunha ONG, onde desenvolverán diversas actividades. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes.

Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, todo o alumnado protagonista na xestión das actividades recollidas nas memorias dos diferentes centros participantes, durante o curso 2013/2014,  recibirá un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.