Convocatoria do programa Lectura e Familias para o curso 2022/2023

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa  pola que se fai pública a convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2022/2023. A convocatoria forma parte das iniciativas para promover a lectura e un uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade escolar nos centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares que imparten ensinanzas de infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e, tamén, de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información.
Seleccionarase un máximo de 50 centros de nova incorporación e os 48 centros integrados xa no programa poderán solicitar a continuidade no mesmo, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
O prazo límite para a presentación de solicitudes será o 5 de decembro de 2022.