IX Xornada dos Clubs de lectura

O vindeiro 10 de xuño reunirase en Compostela o profesorado que coordina os Clubs de lectura acollidos á convocatoria en apoio aos Clubs de Lectura da D.X. de Centros e RRHH, que neste curso 2015/2016 chegou a un total de 239 centros de ensino con ensinanzas de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (persoas adultas, conservatorios, escolas oficiais de idiomas, etc.) de toda Galicia. 

Os Clubs de lectura acollen este curso a máis de 11.000 lectoras e lectores que, periodicamente, se reúnen para compartir experiencia lectora e realizar actividades a partir das lecturas realizadas. Aumentan cada ano os encontros entre distintos clubs e as rutas literarias que realizan, ben por iniciativa propia, ben aproveitando rutas xa deseñadas por distintas institucións. 

A IX Xornada dos Clubs de Lectura iniciaranse coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2016 á escritora Ledicia Costas, quen participará tamén na xornada cunha intervención en formato entrevista.

O programa previsto para o resto da xornada deseñouse con dous focos de interese principais: as rutas literarias e a poesía. Acompañarán ao profesorado Manuel Bragado, Fran P. Lorenzo, Raúl Vacas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial e Darío Xohán Cabana. Tamén será ocasión para coñecer experiencias de rutas literarias desde o IES de Rodeira, de Cangas,  o IES de Porto do Son e o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, xunto coa Fundación Curros Enríquez de Celanova. Na sesión de tarde, ademais dos obradoiros cos poetas anteriormente citados, haberá unha mesa de experiencias denominada "Xéneros e temáticas "para valentes", aproveitando o lema deste ano para o pasado Día Mundial do Libro, de autoría de Pedro Feijoo: Club de lectura de Manga Intercentros, desde o IES A Paralaia, de Moaña, e Clubs de lectura, biblioteca e poesía, con intervencións desde o IES de Poio e o IES San Paio de Tui. A Xornada rematará cun recital poético musical no que intervirán Raúl Vacas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial, Darío Xohán Cabana e a cantautora Alba María.