POÉTICAS DIVERSAS na biblioteca escolar

"A poesía, din, é a memoria do mundo". Juan Marqués

A poesía está por todas partes, o que importa é explorar para descubrila. A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico (eses escutoides descoñecidos até agora), nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima... 

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel que, en breve, estará xa en todos os centros educativos galegos. 

Longa vida á poesía, "memoria do mundo", en palabras do poeta Juan Marqués, quen tamén afirma que a poesía, aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e destrúe reximes políticos, declara guerras, move montañas... 

Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son.