Fomento da lectura

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura 08/09

O 30 de decembro de 2008 foi publicada no Portal Educativo a orde de resolución da convocatoria de CLUBS DE LECTURA en centros de ensino secundario públicos galegos, para o curso 2008/2009. En total, reciben asignación 148 clubs de lectura.

Pódese acceder aos blogues dalgúns destes clubs, así como ao "banco" de libros, ou espazo para o intercambio de lotes entre os diferentes centros, nos seguintes enderezos:

Lecturas recomendadas para o Nadal

Chega decembro e nas bibliotecas escolares continúan a ser fonte na que beber para quen ten gana de ler e sede de coñecemento. Estannos a chegar as novas recomendacións de lectura para este tempo de inverno, guías para unha lectura de calidade. Agradecemos o traballo dos equipos das bibliotecas que poñen as súas estudadas seleccións ao servizo de tod@s, e felicitamos por este traballo que favorece a formación do alumnado como lectores e lectoras e, ao tempo,  facilita a implicación das familias no labor de difusión do hábito da lectura. Velaquí algúns exemplos:

 

Clubs de lectura no telediario da Primeira....

Seica o fenómeno dos clubs de lectura nos institutos galegos está a chamar a atención en Madrid. O luns 8 de outubro, no telediario da primeira, falouse de libros, de rapaces  que len, de clubs de lectura,  de bibliotecas escolares... púxoselle imaxe e voz a un feito incontestable: a existencia de mozas e mozos que disfrutan lendo, de profesionais que non escatiman esforzos porque cren no que fan, de pais e nais que se reunen para falar de libros na biblioteca escolar na que tamén disfrutan os seus fillos e fillas.

O club de lectura Balbordo representaba, nesta ocasión, a todos os clubs de lectura que nestes momentos están a funcionar nos institutos galegos. Parabéns a todos e todas!!

Materiais dos II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia

No mes de outubro de 2008 tiveron lugar en Santiago de Compostela os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, baixo o lema BIBLIOTECAS PARA LER E APRENDER. O groso do programa estaba adicado á presentación de experiencias de centros educativos arredor de tres temas fundamentais: os proxectos lectores de centro, a educación documental e a integración dos recursos da biblioteca  no desenvolvemento do currículo. Nos seguintes enderezos pódese ter acceso aos materiais presentados nas diversas comunicacións, así como outras informacións de interese relacionadas co contido dos encontros.

Nova convocatoria en apoio a clubs de lectura

O venres 31 de outubro vén de ser publicada no Portal Educativo a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros que matriculan alumnado de ensino secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxiime especial, para o curso 2008/2009.

O prazo de presentación de proxectos remata o 18 de novembro.

Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 25 de xuño celebrarase en Santiago de Compostela unha Xornada de Clubs de Lectura, destinada ao profesorado coordinador dos clubs de lectura creados en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, durante o curso 2007/2008, e que foran seleccionados segundo a convocatoria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para incentivar este tipo de actividades. En total, neste curso, recibiron apoio da consellería un total de 104 clubs de lectura, nalgúns casos con varios grupos en funcionamento, mesmo con participación, tamén nalgúns casos, dos distintos sectores da comunidade educativa. Nesta xornada poderanse coñecer varias destas experiencias, ademais de contar coa presenza de dúas persoas de referencia no ámbito dos clubs de lectura: a directora da Biblioteca Pública de Guadalajara, Blanca Calvo, e o escritor e narrador Pep Bruno.

Programa

Literatura na rúa!!

 
 

  Para celebrar o Día do Libro o alumnado de Literatura Galega do século XX (2º BAC) deixou a aula e saíu ás rúas de Pontevedra agora con pouco tránstito e acolledoras. Cada alumno/a foi lendo un texto de homenaxe a autores que contan cunha estatua, busto ou placa nas rúas pontevedresas. Castelao, Bóveda, Valle Inclán, Paz Andrade... deixáronse acompañar uns momentos polos mozos e mozas do IES Sánchez Cantón. (Charo Sánchez-Gabriel, responsable da biblioteca)

As bibliotecas escolares son lugares abertos, espazos de liberdade.... derruban fronteiras e bótanse á rúa, porque a lectura é vida. Velái aos rapaces e rapazas do IES Sánchez Cantón, no Día Internacional do Libro, levando a literatura polas rúas e prazas de Pontevedra, "animando" até as estatuas...

E uns días antes, mozos e mozas do IES Alexandre Bóveda de Vigo fixeron a ruta literaria de Rosalía de Castro, tal e como contan no seu blogue:  http://biblioboveda.blogspot.com/2008/04/ruta-literaria-de-rosala.html

Día Internacional do Libro nas bibliotecas escolares

Moitas son as actividades que ao longo deste mes se veñen celebrando, coma no resto do ano, nas bibliotecas escolares galegas. Algunhas destas propostas son as seguintes:

Un punto no Liberespazo

Un punto de lectura, un marcapáxinas, un marcador.... un momento para a reflexión sobre o significado da lectura literaria na formación dos máis novos, sobre a importancia dos textos que poñemos nas súas mans, sobre a responsabilidade que supón o noso traballo como mediadores, sobre a necesidade de primar calidade sobre cantidade, de elixir tamén con criterios de calidade as actividades que deseñamos para fomentar a lectura no contexto escolar, nas aulas e nas bibliotecas. Un momento para repensar prácticas que axuden aos rapaces, ás rapazas, a atopar os sendeiros que levan a ese territorio libre do que fala Carlo Frabetti.

Un punto no Liberespazo

Novas guías de lectura... para o Día Internacional do Libro

Chegan novas guías de lectura, seleccións de gran interese elaboradas polos equipos das bibliotecas escolares, co fin de orientar as seleccións do alumnado, dar a coñecer novidades e títulos de referencia en relación a unha temática determinada, un xénero ou un autor. Son recursos fundamentais para os mediadores e a súa difusión serve, entre outras cousas, para rendabilizar o traballo de todos e todas e ampliar os efectos do traballo colaborativo. Detrás de cada guía de lectura, de cada selección, hai un traballo previo, de moitas horas de consulta de catálogos e visitas a  librerías e bibliotecas, de lectura e análise, de elaboración... un traballo que cómpre recoñecer e agradecer.

IES Poeta Añón, de Outes (A Coruña):

IES Pedra da Aguia, de Ponte do Porto (Camariñas):

23 de abril: Día Internacional do Libro

 O escritor Carlo Frabetti, logo do seu paso polas Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007, que tiveron lugar en Santiago de Compostela no mes de outubro dese ano, enviounos como agasallo un texto sobre os libros e a lectura, sobre o LIBERESPAZO, territorio de tolerancia e de liberdade para medrar e compartir. Deste xeito, o autor celebra canda nós o Día Internacional do Libro, unha oportunidade para descubir a literatura, como el ben di, non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo.

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares agradecemos este agasallo e convidamos á súa lectura.

Espazos para a lectura. Fadamorgana nº 12

Xa leva un tempo na rúa o número 12 de Fadamorgana, a Revista Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, un dos instrumentos que o profesorado galego ten ao seu alcance para avanzar na súa autoformación como mediadores, pois Fadamorgana presenta, en cada un dos seus números, interesantes temas monográficos (o teatro infantil, a literatura popular, a poesía, os novos soportes para a literatura, a literatura infantil sobre o mar, etc.), entrevistas, reseñas de novidades, noticias do mundo da LIX.

Este número 12, Espazos para a Lectura, está dedicado ás bibliotecas escolares e á lectura en contexto educativo, e conta con artigos, entre outros, de Mª José Vittorino, de Portugal, e Mariano Coronas, do CEIP de Fraga (Huesca), dous dos referentes peninsulares das bibliotecas escolares. Inclúense entrevistas á autora brasileira Lygia Bojunga e á escritora galega An Alfaya. Recensións de libros aparecidos recentemente en galego, catalán, euscaro, castelán, árabe ou italiano, compoñen tamén este número, que ofrece, ademais das fermosas ilustracións de Patricia Castelao, información útil para o profesorado implicado na formación da competencia lectora e literaria dos máis novos.

Libros a eito, espazo de intercambio de libros entre os Clubs de Lectura

 

 

Xa leva un tempiño andando o blogue LIBROS A EITO, creado para que os Clubs de Lectura, activos neste curso 07/08 en centros de ensino secundario de Galicia, poidan intercambiar lotes de libros.

A última oferta ingresada chega desde o IES Johan Carballeira de Bueu.

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Coma todos os anos, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2008 correspondeulle a Tailandia e é o autor desta nacionalidade, Chakrabhand Posayakrit , quen nos achega unha fermosísima imaxe e un texto que se inicia con esta afirmación, que subscribimos: A busca do saber a través da lectura debe recibir un trato prioritario e cómpre que se fomente dende a infancia.

Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego. MENSAXE

As mochilas xa están a viaxar

As mochilas viaxeiras están xa en marcha, con distintas fórmulas segundo as idades do alumnado e a finalidade que os equipos de biblioteca pretenden con esta actividade.  Achégannos materiais elaborados por algunhas bibliotecas escolares arredor desta iniciativa:

Por fin empezaron o seu percorrido as mochilas viaxeiras. Polo de agora circularán entre as familias do segundo ciclo (3º e 4º de EP).

Rede Lectura: espazo interbibliotecario

Hai un tempo que naceu REDE LECTURA, un espazo para a recomendación de libros, a disposición de bibliotecari@s con pouco tempo e moita gana de compartir lecturas.

Para participar, ademais de incluír comentarios ás lecturas propostas, pódense remitir reseñas aos seguintes enderezos: bibliotecasescolares@edu.xunta.es ou bescolares@gmail.com e serán subidas á rede polos trasnos bibliotecarios.

LER EN MANCOMÚN, un espazo para os Clubs de Lectura dos centros de ensino de Galicia

Nace un novo espazo virtual de apoio ao profesorado implicado no fomento da lectura: LER EN MANCOMÚN, un blogue destinado aos clubs de lectura creados nos centros de ensino de Galicia. Iranse incorporando os enlaces aos blogues dos clubs de lectura creados como apoio virtual ás sesións presenciais en cada un dos centros. Así mesmo, se incorporarán informacións relacionadas con esta temática ou coa convocatoria de apoio aos clubs de lectura da Consellería de Educación.

Ofrécese un espazo, así mesmo, como punto de intercambio de lotes de libros entre os diversos clubs de lectura, o novo blogue Libros a eito, dependente de Ler en mancomún. Os centros interesados en participar desta iniciativa só teñen que enviar un correo electrónico a bibliotecasescolares@edu.xunta.es, iou ben a bescolares@gmail.com, indicando os datos do centro, o título dos libros e o número de exemplares de cada lote que poñen a disposición doutros centros para un préstamo temporal. Esta información ofrecerase a través de Libros a eito  e os clubs de lectura interesados poderán contactar co centro que lles interese,posteriormente,  para o correspondente intercambio.

Mochilas viaxeiras

Os libros gustan da viaxe e da sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura.

Están chegando aos centros públicos de ensino primario e secundario de todo o país unhas mochilas destinadas a poñer en marcha a iniciativa MOCHILAS VIAXEIRAS, unha actividade que xa está en marcha nalgúns centros educativos baixo distintos nomes e fórmulas. A mochila viaxeira permite á biblioteca escolar o contacto coas familias nunha actividade que pretende a súa colaboración na formación dos lectores e lectoras máis novos.

No díptico que acompaña ás mochilas detállase esta actividade de fomento da lectura: a súa finalidade, os destinatarios, o posible contido, a temporalización e outras cuestión de interese. (Ilust. Óscar Villán)

Proxecto Lector de centro

   

Información básica sobre o Proxecto Lector de centro, unha nova achega dos currículos de ensino primario e secundario da Comunidade Autónoma de Galicia. O Proxecto Lector pode ser unha oportunidade para repensar as prácticas docentes relacionadas coa lectura e a escritura e educación en información, a prol da mellora da calidade do ensino e da construción dunha sociedade lectora.

Documentos de referencia:

   

30 de Xaneiro: Día Escolar da Paz

As bibliotecas escolares galegas percorren estes días camiño de paz e colaboración. Dende os seus blogues chaman, cunha soa voz, ao sentido común, á educación nos valores de xustiza, solidaridade, diálogo e convivencia pacífica. Fóra do sinfín de actividades que se levan a cabo nos centros escolares de todo o país para conmemorar este día, as bibliotecas escolares propoñen lecturas, poemas, música, actividades compartidas nas que sensibilizarse, é dicir, abrir todos os sentidos, e espertar. Porque "só se pode ler cos ollos abertos":

"As persoas que queren cambiar o mundo acostuman ser lectoras, pero non é menos certo que, despois de ler, xorden máis facilmente as ganas de cambiar o mundo." (Blanca Calvo)

A título de exemplo, unha guía de lectura e programas de actividades dalgúns centros educativos:

Unha visita aos blogues das bibliotecas escolares pode dar unha visión do intenso dinamismo dos centros educativos e da súa colaboración á construción dunha sociedade lectora, pero tamén xusta e solidaria. E seguen chegando guías de lectura:

Resolución da convocatoria de clubs de lectura 2007/2008

 

 Con data de 26 de decembro resólvese a convocatoria de Clubs de Lectura, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Presentáronse un total de 106 proxectos de clubs de lectura, procedentes de diversos centros educativos que acollen alumnado de ensino secundario, baharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Prácticamente, un tercio dos centros de ensino secundario de Galicia albergarán nos próximos meses, grupos de lectura (nalgúns casos varios grupos): profesores e alumnos, ás veces pais e nais e persoal non docente, que teñen a vontade de xuntarse para falar de libros e compartir lecturas fóra do tempo lectivo.

Guías de Lectura para o Nadal - II

 

 Máis guías de lectura para o Nadal:

Recursos para a selección de lecturas

Un dos aspectos do Proxecto Lector que cómpre mimar é a selección de títulos para os diversos itinerarios lectores. O profesorado das bibliotecas escolares integradas no Plan de mellora pon a disposición de todos, a través desta páxina, un bo número de guías de lectura de carácter temático, ás que se pode acudir como referencia... son as vantaxes das redes sociais. 

Outra guía de lectura a ter en conta é a selección de libros de viaxes incluída nas Guías do Profesorado de HORA DE LER

Outro recurso dispoñible é a Guía para a selección de fondos documentais para as bibliotecas escolares - Infantil/primaria, sen esquecer todas as ligazóns LIX desta mesma páxina