Escoitar, Aprender e Compartir

Avaliacións de diagnóstico

Achegamos un documento informativo elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre as avaliacións de diagnóstico que está previsto que se realicen os próximos días 10 e 11 de abril co alumnado de 4º curso de Educación Primaria e 2º curso de ESO. Pincha aquí para acceder ao documento.

Benvida, primavera!

Benvida, primavera!!! O alumnado de 1º de APSD decorou o taboleiro de Meteoescolas con este mural tan primaveral.

Xogos Populares 2024

Hoxe, venres 22 de marzo, puidemos gozar dunha nova edición dos Xogos Populares. Nesta actividade, que se desenvolve nas instalacións do CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda e do noso centro, participan conxuntamente alumnado de 6º de Primaria dos colexios adscritos (CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, CEIP Plurilingüe Igrexa e CEIP de Laredo) e alumnado de 2º da ESO do IES de Chapela. A través dunha divertida xornada de xogos colectivos coordinados polo noso alumnado de 1º curso do ciclo superior de Educación Infantil, buscamos crear vínculos entre o presente e o futuro alumnado do IES, así como achegar a rapazada á parte máis lúdica da cultura tradicional galega. Unha xornada para recordar... bañada polo espléndido sol que luciu toda a mañá!

Pica na foto para acceder á galería.

 

 

Canguro Matemático

O 21 de marzo tivo lugar no IES de Chapela a fase de centro do Canguro Matemático, concurso de resolución de problemas no que participan simultaneamente miles de estudantes da ESO de todo o Estado Español promovido pola FESMP. 75 minutos intensos de razoamentos matemáticos para exercitar a mente do noso alumnado.

Vestimenta e meteoroloxía

                
                 

O alumnado de 2º de Educación Infantil, dentro do programa Meteoescolas deste curso, realizou un traballo para relacionar a vestimenta infantil coa meteoroloxía. Rematouno con esta exposición que se pode ver no 1º andar do centro. Agradecemos a súa implicación.

Campaña de doazón de sangue o xoves 14 de marzo pola mañá

Táboa periódica das mulleres científicas

Hoxe presentamos unha iniciativa dos departamentos de Ciencias (Física e Química, e Tecnoloxía) e a Brigada Violeta: a táboa periódica das mulleres científicas. Nesta táboa tendes a máis de 100 mulleres recoñecidas polo seu labor científico. Algunhas tan pioneiras como Mary Anning, a primeira persoa no mundo que recoñeceu e construíu un esqueleto dun dinosauro, iniciando a paleontoloxía.

Dicíase que a ciencia non é cousa de mulleres, pero aquí tendes a proba de todo o contrario. Ao longo da Historia ás mulleres interesoulles o coñecemento científico e desenvolvérono mesmo en contra de quen lles dicía que non era materia para elas. Nesta táboa periódica tendes mulleres que facían ciencia no mundo Antigo, como Hipatia de Alexandría, astrónoma, filósofa e matemática; da Idade Media, como a astrónoma Fátima de Madrid ou a abadesa Hildegarda de Bingen, que ademais de científica era música e teóloga. Moitas máis aparecen na Idade Moderna e na Contemporánea, onde as mulleres nos fomos facendo sitio na ciencia aínda que custou que recoñecesen a nosa valía.

As mulleres científicas sobresaen en todos os campos do saber. As cores distintas nas fichas desta táboa periódica correspóndense cos campos diferentes nos que destacaron. Hai biólogas e inventoras en azul e físicas en laranxa. As amarelas son químicas; as moradas, matemáticas; as vermellas son astrónomas; e as verdes, investigadoras no campo das ciencias da saúde. 

Hai nesta táboa mulleres que viron como lles roubaban premios e méritos, como é o caso de Rosalind Franklin ou Veran Rubin, ás que se lles usurpou o premio Nobel, dándollelo a outros, homes, polo traballo de investigación que fixeran elas. Pero tamén hai moitas mulleres recoñecidas e premiadas. Está Marie Curie, a única persoa no mundo gañadora de dous premios Nobel, un en Física e outro en Química, e tamén hai outras moitas premios Nobel. Nesta táboa atoparedes catro mulleres máis co Nobel de Química, dúas máis co Nobel de Física e once mulleres co premio Nobel de Medicina.

Na táboa hai moitas mulleres norteamericanas e europeas, pero tamén doutros continentes. Así podedes atopar a bióloga nixeriana Wangari Mathaai, a matemática chinesa Wang Zhenyi ou a química e farmacéutica Youyou Tu.

E o que é máis importante: no grupo dos elementos de transición interna tendes en destaque científicas do estado español con renome a nivel internacional. Deste grupo queremos destacar de xeito especial ás galegas: a enfermeira de Ordes Isabel Cendal, a matemática coruñesa María Wonenburger, a paleontóloga ourensá María Martinón, e tamén a ourensá, matemática e astrónoma, Antonia Ferrín Moreiras e a oceanógrafa ferrolá Ánxeles Alvariño.

 

ACREDITACIÓN COMPETENCIA DIXITAL

O ALUMNADO DE 4º DE ESO E 2º DE BACHARELATO QUE QUEIRA VOLUNTARIAMENTE PRESENTARSE Á PROBA DE ACREDITACIÓN DE COMPETENCIA DIXITAL DEBE INSCRIBIRSE ANTES DO XOVES 14 DE MARZO.

(AVISAR ÁS COORDINADORAS BEGOÑA FERNÁNDEZ E SAÍNZA ARIAS)

TODA A INFORMACIÓN NO SEGUINTE ENLACE: 

https://www.edu.xunta.gal/portal/competenciadixital/alumnado

XORNADAS DE PORTAS ABERTAS IES CHAPELA

8M - O IES de Chapela coeducando pola igualdade

Un 8M máis, seguimos reivindicando a igualdade real e efectiva. E dende o IES de Chapela facémolo coeducando. Dende un ensino público e laico, asumimos o compromiso de ofrecer ao noso alumnado e a toda a comunidade educativa experiencias, formación, orientación e unha educación en valores libre de estereotipos de xénero para contribuír á construción dunha sociedade feminista e xusta. Hoxe e todos os días son 8M, día de defender e loitar polos dereitos de todas as mulleres.

Velaquí vos deixamos unhas fotos dos actos de conmemoroación do 8M no centro, así como da nova pancarta que loce a fachada do edificio nestes días e do acto institucional do Concello de Redondela no que participou unha representación do alumnado e profesorado do IES.

Distribuir contido