Escoitar, Aprender e Compartir

8M - O IES de Chapela coeducando pola igualdade

Un 8M máis, seguimos reivindicando a igualdade real e efectiva. E dende o IES de Chapela facémolo coeducando. Dende un ensino público e laico, asumimos o compromiso de ofrecer ao noso alumnado e a toda a comunidade educativa experiencias, formación, orientación e unha educación en valores libre de estereotipos de xénero para contribuír á construción dunha sociedade feminista e xusta. Hoxe e todos os días son 8M, día de defender e loitar polos dereitos de todas as mulleres.

Velaquí vos deixamos unhas fotos dos actos de conmemoroación do 8M no centro, así como da nova pancarta que loce a fachada do edificio nestes días e do acto institucional do Concello de Redondela no que participou unha representación do alumnado e profesorado do IES.

Regreso do alumnado do IES de Chapela participante no Programa EduMob

O alumnado do IES de Chapela participante no programa EduMob despediuse hai uns días dos seus compañeiros e compañeiras franceses e das súas respectivas familias, ás que lles agradecemos a fantástica acollida que lle brindaron ao noso alumnado. En breves teremos aquí o alumnado francés de intercambio, ao que temos moitas ganas de coñecer.

ANO ACADÉMICO EN EEUU BRITISH AMERICAN INSTITUTE

INFORMACIÓN DO CURSO ACADÉMICO EN EEUU PARA CURSAR 4º DE ESO OU ALGÚN CURSO DE BACHARELATO. 

Podes acceder á información pinchando aquí.

OBRADOIRO USO SEGURO E RESPONSABLE DOS MÓBILES

ACHEGAMOS INFORMACIÓN DO OBRADOIRO QUE SE IMPARTIRÁ NO IES FLORIANI (REDONDELA) O LUNS 11 DE MARZO ÁS 18:30 HORAS.

Cartaz

INFORMACIÓN ACCIÓN FORMATIVA PARA DESEMPREGADOS/AS (AFD)

INFORMACIÓN AFD

PROBA DE ACCESO CURSO: ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A PERSOAS DEPENDENTES EN INSTITUCIÓNS SOCIAIS.

DATA: 6 MARZO 2024 10:30 H

Para mais información pincha aquí.

Unha Semaniña Enteira

O día 26 de febreiro arranca no IES Chapela o reto da Semaniña Enteira: falar en galego as 24h do día durante 7 días. Retamos a toda a comunidade educativa para contribuír ao futuro da nosa lingua.

Xornadas "Miradas diversas na infancia"

A semana do 26 de febreiro ao 1 de marzo imos celebrar no IES de Chapela as Xornadas "Miradas diversas na infancia", organizadas polo Departamento de Servizos. Nestas xornadas levaranse a cabo distintas actividades para coñecer de primeira man experiencias de intervención e acompañamento a menores con diversidade funcional, así como para sensibilizar acerca da realidade que viven estes menores e as súas familias. Para iso contaremos con profesionais de recoñecido prestixio neste eido, procedentes de distintas entidades e centros da contorna.

Tedes o tríptico informativo aquí.

Visita de Rosalía

O 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, visitounos pola mañá a mesmísima Rosalía. Comprobamos que se atopa máis viva ca nunca.

Preme aquí para ver o vídeo.

Coñecendo o Teatro Clásico

 

O martes 20 de febreiro o alumnado de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato que cursa as materias de Latín, Grego e Filosofía acudiu, xunto coas profesoras de Filosofía e de Latín, ao Teatro Municipal de Tui para asistir a unha función teatral: Antígona de Sófocles, obra que forma parte do Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola SEEC-Galicia, e representada polo Grupo Corzos Reunidos, casa de Castilla la Mancha (A Coruña).

En Antígona desenvólvese un gran combate de ideas entre as leis divinas, santas e inviolables, e as leis civís, útiles e oportunas; dunha parte, unha moza, Antígona, doutra, un rei poderoso e autoritario, Creonte. Moitas son as interpretacións ás que deu pé unha obra tan maxistral e complexa. O que si queda de manifesto é que a oposición entre ambos se considera como a pugna entre dúas esferas de poder igualmente válidas, a divina e a humana, a da familia e a do Estado, a do mundo dos vivos e o dos mortos e, por último, o enfrontamento entre unha muller e o poder dos homes.

Esta actividade permitiu ao noso alumnado gozar dun espectáculo que mantén os ingredientes do teatro clásico, teatro do que somos herdeiros, e entrar en contacto cos numerosos mozos e mozas de diversos centros educativos que alí acudiron e que son, como así manifestaron os organizadores, os que fan posible a presenza e continuidade na escena do mundo clásico.

Alento, Asociación de dano cerebral, no IES

 

 

Este xoves 15 de febreiro pola tarde os grupos de APSD e Integración social modular tivemos a sorte de conversar cunha representación de profesionais e participantes de Alento (Asociación de dano cerebral adquirido, ubicada en Navia).

Achegáronse até o IES para amosarnos como é o día a día tanto no seu centro de día terapéutico como no servizo residencial. 

Atopámonos con persoas plenamente conscientes de que é o que se precisa para mellorar a calidade de vida e a autodeterminación das persoas e como é posible poñelo en práctica grazas a moitos perfís profesionais (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, psicoloxía, neuropsicoloxía, traballo social, TCAE…) que desafían as barreiras que nun momento ou outro da vida, en realidade, todas as persoas podemos atopar no camiño. 

Descubrimos que teñen a posibilidade de mergullarse en obradoiros artísticos, sesións de psicomotricidade, natación, escalada, experiencias en contacto coa contorna, obradoiros nos que coidar da natureza ou saídas máis alá da contorna de Vigo: a quen non lle apetece ir até Tui, por exemplo? Collen as furgos e… adiante!

E todo, co bo humor das persoas que saben gozar do momento e ir resolvendo dificultades cando xorden; se non houbese a posibilidade de previlas, pois aí teñen, ao carón da man, os apoios precisos para seguir a avanzar no camiño, xuntas.

Teñen tamén a mirada posta no futuro, con ideas que xa están a xermolar, como unha andaina a finais de abril da que vos contaremos máis adiante cal vai ser o percorrido. Imos?

Desde aquí queremos deixar constancia do que nos transmitistes! Vida! 

Grazas por achegarvos ata o IES e ampliar a nosa mirada!  

Distribuir contido