Escoitar, Aprender e Compartir

O outono e as súas emocións

Dentro do Proxecto Meteoescolas 23/24 o alumnado de 1º APSD estudou a relación entre a meteoroloxía propia do outono e as emocións. O resultado mostrouno a través desta árbore de emocións exposta no corredor do 1º andar do centro. Grazas polo interesante traballo realizado.

 

 

Semana da Ciencia en Galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos da área de Ciencias (Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, e Sanitaria) do IES de Chapela propoñen unha semana chea de actividades para mostrarlle á nosa comunidade educativa diversas investigacións e resultados científicos que deixarán claro o papel da Ciencia como motor de avance da nosa sociedade. Ciencia feita e explicada na nosa lingua, que é válida como calquera outra para o traballo científico.


Presentación de vídeo en prol da corresponsabilidade

A Federación de ANPAS de Redondela presenta o seu vídeo SE QUERES SER CORRESPONSABLE, COLLE A VASOIRA E VARRE, levado a cabo por un bo elenco de artistas dos centros educativos de Redondela. Podedes ver o vídeo aquí.

Premios do concurso de relatos de arrepío

 
Hoxe, 30 de novembro, déronse a coñecer os resultados do concurso de relatos de arrepío convocado pola Biblioteca e polo EDLG do noso IES.
 
O xurado, composto pola presidenta da Ampa, Macarena, polo dinamizador da lingua galega, Aldán, pola representante do alumnado, Sara Cordeiro, e pola coordinadora da biblioteca, Naír, decidiu que os relatos premiados fosen os seguintes:
 
Categoría ESO:
  • 1°: Trinta e un de outubro. Uxío Solla Amoedo. 1°C.
  • 2°: A vinganza da coca pequena. Carla Montes. 1°C.
  • 3°: Conto de arrepío. Celia Santamariña Tenreiro. 1°A.
 
Categoría FP e BAC:
  • 1°: Bótasme unha mao? Nerea Bueno Fernández. 2° Documentación Sanitaria.
  • 2°: Eu tremía como a xelatina. Marta Romero Tielas.  2° Documentación Sanitaria.
  • 3°: A noite da Santa Compaña. Rosario Vidal López.  2° Documentación Sanitaria.

Charla "Falemos de sexo coas familias".

O concello de Redondela organiza esta charla o próximo venres 1 de decembro ás 19:00 horas no multiúsos da Xunqueira.

O IES de Chapela obtén a mención de honra nos Premios de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023

O IES de Chapela obtivo a mención de honra nos Premios de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2023 da Consellería de Educación que se outorgaron o pasado 28 de novembro no Congreso Internacional de Inclusión Educativa celebrado en Santiago de Compostela. Outros sete centro educativos galegos foron tamén premiados entre a categoría A (destinada a educación infantil e primaria) e a categoría B (destinada a ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial).

A iniciativa premiada no IES de Chapela é o proxecto “Xanela”, un proxecto de teatro inclusivo e comunitario desenvolvido no curso 2022/2023 e baseado nunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo. Nel participaron máis de corenta persoas de tres entidades: alumnado e profesorado do IES de Chapela (concretamente, dos ciclos de FP de Atención a persoas en situación de dependencia, Integración social e Educación infantil do réxime de persoas adultas), persoas usuarias e profesionais da Asociación Xaruma para a inclusión de persoas con diagnósticos de saúde mental, e alumnado e profesorado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg). Baixo a dirección de Roi Vidal, o proxecto culminou coa estrea o pasado 2 de xuño da obra “Disparos de luz” no multiúsos de Chapela, obtendo unha moi boa acollida por parte do público. Con este galardón, a Consellería de Educación recoñece agora o valor deste proxecto na construción dun contorno educativo inclusivo para acadar unha sociedade máis respectuosa e máis democrática.

Campaña de doazón de sangue o mércores 29 de novembro

O mércores 29 de novembro haberá unha unidade móbil de doazón de sangue diante do instituto de 10:00 a 14:30 horas. Se es maior de idade, pesas máis de 50 kg e reúnes os requisitos para doar, cun pequeno xesto de 10 minutos podes contribuír a salvar a vida doutras persoas. Convidamos a participar na campaña ao profesorado, ao persoal non docente e ao alumnado maior de idade que o desexen.

Báixate do machismo!

 

Un ano máis, o IES de Chapela, en colaboración co equipo de igualdade “Brigada Violeta”, alza a súa voz para manifestar o seu rexeitamento ante calquera manifestación de violencia de xénero, dende as formas máis sutís como o humor sexista e o control, pasando por outras máis explícitas como a chantaxe emocional ou a humillación, ata escalar ata o máis alto como son as ameazas e o asasinato. Unha violencia que nos últimos anos viuse incrementada na adolescencia, con especial impacto das novas tecnoloxías e redes sociais. Baixo o lema “BÁIXATE DO MACHISMO”, este 25N seguimos a rexeitar e denunciar a violencia machista e asumimos o noso compromiso de coeducar en prol dunha sociedade feminista e xusta, onde a mocidade se vincule afectivamente con respecto e en relacións igualitarias. Ata que non cese a violencia contra mulleres, polo simple feito de selo, seguiremos berrando alto: NON ÁS VIOLENCIAS MACHISTAS!

Pincha aquí para ver o vídeo coa acción realizada pola mañá (da que se fixo eco o Faro de Vigo nesta nova) e aquí para ver o vídeo coa acción realizada pola tarde.

Inauguración do Espazo Violeta

Hoxe, 23 de novembro, inauguramos o Espazo Violeta na Biblioteca do IES de Chapela. A partir de agora teremos aquí un valioso fondo bibliográfico sobre feminismo e igualdade á disposición da comunidade educativa. Esperamos sacarlle moito partido porque, como nos lembra Chimamanda Ngozi Adichie, cuxas palabras serviron para inaugurar o espazo, "todos e todas teriamos que ser feministas". Moitas grazas á Brigada Violeta e ao Equipo da Biblioteca por idear e materializar este espazo, que arranca con forza nun momento tan sinalado como son as vésperas do 25N.

 

ESCOLA DE PAIS E NAIS. CHARLA LUNS 27 DE NOVEMBRO.

Distribuir contido