Fomento da lectura

Resolución definitiva da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2022/23

 

Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento de clubs de lectura, segundo convocatoria de 26 de setembro de 2022, a través da cal se incentiva esta actividade de fomento da lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2022/23. 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Lecturas nas que resgardarse

 

 

 

 

Un libro é unha especie de choza que podemos levar connosco, que abrimos, onde nos coamos, onde podemos volver...

 

Michéle Petit. LER O MUNDO. Kalandraka, 2018

 

Imaxe da biblioteca Maga Tomasa do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Navia-Vigo) 

 

Achéganse os días de lecer que coinciden cos primeiros días do inverno, co tempo frío e a pouca luz no exterior. Son ocasión fantástica para ocupar parte do tempo na lectura, sós ou en compañía de amigos ou familiares.

As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (tamén de cine, música, xogos, apps, fontes dixitais de interese...). Diferentes en propostas, en contido, en deseño... todas elas responden ao interese dos equipos de biblioteca por facilitar  unha escolla axeitada á hora de agasallar . Buscan, tamén, que as lectoras e os lectores desenvolvan autonomía á hora de seleccionar as súas propias lecturas, aprendendo a mirar nos libros máis aló da súa capa e das estratexias do mercado, aprendendo a escoller con criterio.

Son propostas feitas desde a especialización dos integrantes dos equipos de biblioteca. Reflicten a variedade de oferta que a industria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Orientacións que inclúen a recomendación da compra no comercio de proximidade.

 

As bibliotecas escolares de Galicia recomendan espazos seguros nos que coarse:

 

 

 

Resolución provisional dos centros adheridos ás iniciativas de Voluntariado para o curso 2022/23

 
 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional dos centros que se adscriben a dúas das accións incluídas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a convocatoria deste programa do  30 de novembro de 2022.
 
VOLUNTARIADO DE LECTURA-A (alumnado de 5º e 6º de primaria): 74centros inscritos. 
 
VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR (alumnado de ensino secundario): 112 centros adheridos.
 
Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 
 
 
 

Resolución provisional da convocatoria do programa Lectura e Familias para o curso 2022/23

 
 
Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisonal da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de 7 de decembro de 2022, coa relación dos 50 centros que se incorporan ao programa Lectura e Familias neste curso 2022/2023, así como os 44 centros que solicitaron a continuidade.
 
Ábrese un prazo de cinco días naturais para a presentación de alegacións ou renuncias no seu caso.
 
Na imaxe, encontro de Charo Pita coas familias do CEIP Quintela de Moaña
 

Resolución provisional da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2022/2023

 
 
Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de 21 de novembro de 2022, pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento de clubs de lectura, segundo convocatoria de 26 de setembro de 2022, a través da cal se incentiva esta actividade de fomento da lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2022/23.
 
Ábrese un prazo de cinco días naturais para a presentación de alegacións ou renuncias no seu caso.
 
 
 

Convocatoria do programa Lectura e Familias para o curso 2022/2023

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa  pola que se fai pública a convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2022/2023. A convocatoria forma parte das iniciativas para promover a lectura e un uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade escolar nos centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares que imparten ensinanzas de infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e, tamén, de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información.
Seleccionarase un máximo de 50 centros de nova incorporación e os 48 centros integrados xa no programa poderán solicitar a continuidade no mesmo, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
O prazo límite para a presentación de solicitudes será o 5 de decembro de 2022.
 
 

Día das Escritoras 2022

 
 
O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VII Edición celébrase este ano 2022  o 17 de outubro baixo o lema “Antes, durante e despois das guerras”, comisariada pola escritora Carmen Domingo . “Un ano máis – avanza Ana Santos Aramburo, directora da BNE – recuperamos a palabra de mulleres escritoras que nos seus textos reflicten sentimentos, procuras e loitas. Mujeres valentes cuxa obra, en moitas ocasións, foi ignorada. Rescatar hoxe a súa voz é un acto de xustiza e recoñecemento cara a todas elas”. O lema deste ano, destaca, “é unha homenaxe ao papel fundamental que cumpriron en situacións de conflito bélico e axuda a reflexionar e contemplar con outros ollos unha situación de sufrimento, pero tamén de xenerosidade e compromiso”.
 
Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
 
Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 
 
"Houbo unha vez unha guerra.
       Despois da guerra, quedamos sen casa.
       -Non importa -dixo miña nai-. Temos un coche.
       Fomos vivir ao coche.
       Desde entón, vivir era viaxar." 
 
Paula Carballeira. O principio. (Kalandraka, 2012)
 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: 
 

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2022/2023

 
Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 26  de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bachalerato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2022-2023.
 
O prazo límite para a presentación de solicitudes remata o 1 de novembro de 2022 (data incluída)
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Lecturas para deixarse arrolar

 
 
 
 Cando acabou, con todas
 as súas arañas ao seu lado, alzou o
 río e deixouse arrolar por el
 unha vez máis.
 
Novesky, Amy. Nana de Tela. Impedimenta.
 
Imaxe do río Anllóns en Ponteceso (A Coruña) - Asesoría de bibliotecas escolares 
 
 
Remata outro curso estraño, ao longo destes meses as  bibliotecas escolares volveron ser ríos que proporcionaron sustento e arrolo.
 
E, un ano máis, o curso do río segue fluíndo no verán a través das guías de lectura e as mochilas viaxeiras:
 

Materiais da XIV Xornada dos Clubs de Lectura

O pasado 10 de xuño, celebrouse no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que reuniu  a preto de 400 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
No enlace adxunto a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
  

XIV Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 10 de xuño, celebrarase no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Neste curso 2021/2022 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 370 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XIV Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 400 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2022, que desta vez recaeu na escritora Antía Yáñez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2020/2021, tal e como se recolle na Resolución do 22 de abril de 2022, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras e Eva Mejuto.
 
O programa contempla así mesmo a participación do escritor e experto en LIX Freddy Gonçalves e sesións simultáneas de lectura fácil, itinerarios lectores persoais , poesía, teatro e  banda deseñada. Os Clubs de lectura estarán representados nunha mesa de experiencias. Pechará a xornada a escritora Care Santos, a terceira autora máis lida nos Clubs de Lectura no curso 2020/2021.
 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2022, incorporan a Florencio Delgado Gurriarán ao seu traballo en prol da nosa lingua. O seu compromiso vital coa terra e a lingua a través do seu traballo como poeta, articulista, editor, tradutor e a súa labor como activista cultural e político,  convida a  facer lectores en galego a través do achegamento  a súa figura  .
 
Na imaxe, colaxe-obxecto de Ana Piñón Vale do IES Agra do Orzán de A Coruña.
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2022: 
 

Actividades do Día do Libro 2022 nas Bibliotecas Escolares de Galicia

 
 
O mes de abril visibiliza o traballo que, ao longo do ano, as nosas bibliotecas desenvolven arredor do libro e  a lectura .
 
Imaxe de pacodíaz en Gráficas Anduriña 
 
Velaquí algúns exemplos: 
 

Día Miundial do Libro e do Dereito de Autor - 2022

 
 
Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  edítase o cartel para conmemorar este día 23 de abril de 2022.
 
Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso o escritor, editor e tradutor, Xosé Ballesteros, quen creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose  na parte menos visible do libro, esa marabillosa viaxe colectiva que inician autores/as e ilustradores/as, con parada en editoriais, imprentas, librarías, para atopar, finalmente,  porto seguro nas nosas bibliotecas escolares. 
 
  "Velaí o libro: unha faísca da memoria do mundo"
 
Neste mes, e todo o ano, non esquezamos que os libros chegan as nosas mans grazas a unha cadea de traballo colectivo que non debemos romper. Habitemos este espazo que creamos xuntos/as.
 

Premio dos Clubs de Lectura 2022 para Antía Yáñez

 
 
Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade , fai pública a Resolución de 22 de abril de 2022 pola que se recoñece a Antía Yáñez co Premio dos Clubs de Lectura 2022. 
 
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro(2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020) e Eva Mejuto (2021).
 
Antía Yáñez é unha das autoras máis seguidas polo lectorado infantil e xuvenil galego.  Dous dos seus títulos, Be water e Senlleiras están incluídos entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2020/2021
 

As/os 50 autoras e autores máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 2020-2021

Como en anos anteriores, trala revisión das memorias dos Clubs de lectura correspondente ao curso 2020/2021, e á vista das lecturas realizadas polos diferentes grupos integrados no club de lectura de cada centro participante, pódese coñecer a relación dos 50 títulos máis lidos así como o número de lectura realizadas de cada autor ou autora, tendo en conta as diferentes obras lidas de cada un deles.
Publícase agora a relación dos 50  autores e autoras máis lidos polos clubs de lectura nese período.

Día Internacional do Libro Infantil 2022

 
 

 
 Ler é liberdade. Ler é respirar.
 
Ler permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.
 
Ler permítelle ao teu espírito soñar.
 
Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.
 
A plenitude do teu universo só medra cando les.
 
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa quelogo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.
 
As historias son menciña. Curan. Reconfortan.
 
Inspiran. Ensinan.
 
Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan
os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.
 
Mahsi cho. Moitas grazas.
RICHARD VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO
 
 
 Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos
A sección patrocinadora deste ano é Canadá que difunde a mensaxe de Richard Van Camp e o cartel de Julie Flett.
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
 

A Poesía ten a palabra

 
 
 
En tempos confusos como os que vivimos, cómpre viaxar polas métaforas das imaxes e as palabras, asolagar as nosas bibliotecas de poesía, buscar acubillo en versos reparadores, descubrir a poética do  máis pequeno e próximo... 
 
Hai moitos ollos no mundo,
ollos ledos e baleiros,
pequerrechos, preguiceiros,
ollos tristes e profundos.
 
Ollos ollando os abrentes,
ollos con olladas frías,
ollos de noites e días,
olladas de ollos doentes.
 
Ollos claros e marróns,
azuis, negros, verde escuro,
ollos que baten nos muros,
ollos-corisco e limón.
 
Ollos das pombas feridas,
ollos limpos, meiguiceiros,
ollos que aluman carreiros,
ollos de olladas perdidas.
 
Hai moitos ollos na terra,
ollos ollando as olladas
doutros ollos e as moradas
de tantos ollos que berran.
 
Paseniño, paseniño. Antonio García Teijeiro 
 
Recursos:  
 
A Poesía das bibliotecas escolares galegas: 
 

E-LBE.2: Lectura dixital para as bibliotecas escolares

 
En novembro de 2012, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos realizou unha convocatoria, destinada aos centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares,  dun proxecto piloto para a incorporación dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, E-LBE, integrado no PLAN LÍA de bibliotecas escolares, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este proxecto incorporou a 50 centros.
   
 
A Xunta vén de ampliar o acceso á plataforma do proxecto E-LBE.2, de lectura e préstamo de contidos dixitais nas bibliotecas escolares. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon a disposición dos centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) unha ferramenta que enriquecerá as súas coleccións.
En total están accesibles máis de 3500 títulos, que se poden ler en pantalla, en todo tipo de dispositivos (ordenador, tableta, móbil...), con dispoñibilidade de lectura en liña e fóra de liña e para todos/as os/as usuarios/as (profesorado, alumnado e familias) que conten con carné das bibliotecas escolares.
 
Os fondos E-LBE.2 son variados, actuais e están seleccionados atendendo aos criterios que, en xeral, seguen as bibliotecas escolares galegas.A selección, xestión e control dos contidos, e a súa actualización coordínanse desde a asesoría de bibliotecas escolares:
 
  • Coleccións con temáticas específicas, aprendizaxe de idiomas, robótica, saúde, nutrición, apoio a materias, acceso a revistas e liteara, entre outras.tura para todos os niveis e etapas, entre outras.
  • Catálogo intelixente: recomendacións de lectura a medida que vai coñecendo os gustos dos/as usuarios/as.
  • Módulo de accesibilidade para axudar aos/as lectores/as: tipografía específica para dislexia e lectura en audio de todos os libros dispoñibles.
  • Lectura en calquera momento e lugar: accesible 24/7 e modalidade de lectura con ou sen conexión.
  • Acceso desde seis dispositivos diferentes e sincronización no último punto de acceso, permitindo tamén ás familias poder gozar desta solución.
  • Estatísticas de lectura en tempo real.

.

 

 

INSTRUCIÓNS

ACCESO 

 

Resolución da convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022

 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 29 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento do programa de Lectura e Familias, ao abeiro da convocatoria de 19 de novembro de 2021.
Seleccionáronse 50 centros, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
 
  

Lecturas para iluminar os días escuros - 2021

 
 
Achéganse os días de lecer que coinciden cos primeiros días do inverno, co tempo frío e a pouca luz no exterior. Son ocasión fantástica para ocupar parte do tempo na lectura, sós ou en compañía de amigos ou familiares.
 
As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (tamén de cine, música, xogos, apps, fontes dixitais de interese...). Diferentes en propostas, en contido, en deseño... todas elas responden ao interese dos equipos de biblioteca por facilitar  unha escolla axeitada á hora de agasallar . Buscan, tamén, que as lectoras e os lectores desenvolvan autonomía á hora de seleccionar as súas propias lecturas, aprendendo a mirar nos libros máis aló da súa capa e das estratexias do mercado, aprendendo a escoller con criterio. 
 
Son propostas feitas desde a especialización dos integrantes dos equipos de biblioteca. Reflicten a variedade de oferta que a industria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Orientacións que inclúen a recomendación da compra no comercio de proximidade.
 
Imaxe de Cristina Novoa
 
As bibliotecas escolares galegas recomendan: 
 

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022


 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 20 de decembro de 2021. Distribúense contías, por un importe global de 400.000 €, para o funcionamento de grupos de lectura en 346 centros públicos que matriculan alumnado de ensino primario, secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral.
 
Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.
 
 
Na imaxe, club de lectura "Lendo no Galiñeiro" do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)
 

Convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022

 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 19 de novembro de 2021,  pola que se fai pública a convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022. A convocatoria forma parte das iniciativas para promover a lectura e un uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade escolar nos centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares que imparten ensinanzas de infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
 
O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e, tamén, de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información.
 
Seleccionarase un máximo de 50 centros, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
 
O prazo límite para a presentación de solicitudes será o 10 de decembro de 2021.
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Resolución provisional da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022

 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional  de 19 de novembro de 2021, pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento de clubs de lectura, segundo convocatoria de 12 de agosto de 2021, a través da cal se incentiva esta actividade de fomento da lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2021/22.
 
Ábrese un prazo de cinco días naturais para a presentación de alegacións ou renuncias no seu caso.
 

Clubs, lectoras e lectores no ensino secundario de Galicia.

 
 
Transcorridos dez anos desde a primeira convocatoria de axudas para o funcionamento de Clubs de lectura destinadas a centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e outros de nivel post-obrigatorio, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos /Asesoría de bibliotecas escolares, abordou a realización dun estudo cualitativo sobre a lectura e os clubs de lectura, os impactos desta iniciativa na cualidade da lectura e nas competencias comunicativas (e outras) do alumnado participante, así como o seu impacto nas comunidades educativas dos centros que contan con club de lectura. José Antonio Millán dirixiu este estudo (Clubs y lectores en la enseñanza secundaria de Galicia), do que se realizou a fase de "grupos de discusión" durante a primavera de 2018 e do que se presentaron as primeiras conclusións nas IX Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en novembro de 2018.
 
Publícase agora o estudo nas dúas versións: galego e castelán, que se pon a disposición do profesorado e de todas as persoas interesadas na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.