Fomento da lectura

Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - IV


 Paco Nogueiras canta ao poeta Díaz Castro

  • O grupo Fuxan os Ventos súmase á celebración do Día das Letras con esta versión do poema Penélope, de Díaz Castro, que poñen a disposición de todas as persoas interesadas na súa páxina de facebook
  • O profesor de música do CEIP Fernández Latorre de A Coruña musicou o poema Esmeralda. Coñecémola a través do CEIP Milladoiro (Malpica) Canta unha alumna de 4º do CEIP Fdez. Latorre
  • Esmeralda, en versión musical da profesora de música do IES Poeta Díaz Castro
  • Esa Lus, poema de Díaz Castro nas voces de alumns do IES Poeta Díaz Castro 
  • Nimbos, en versión de 2naFronteira
  • Penélope, na versión do alumnado do IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)  

Maio, mes das Letras: Xosé María Díaz Castro - I

 

Un ano máis, o alumnado do CPI dos Dices (Rois, A Coruña), baixo a dirección de Luís Aldegunde, achéganos o seu telexornal dedicado á figura que concita todas as miradas no mes das Letras Galegas, neste 2014 o poeta Xosé María Díaz Castro. Estes "informativos"son un bo exemplo de "proxecto" parara a educación informacional e mediática do alumnado: ten como obxectivo a realización dun "produto audiovisual" e o proceso esixe un importante esforzo de planificación, documentación e posta en práctica de habilidades e competencias clave, entre outras, de comunicación lingüística e de competencia dixital e de uso e tratamento da información. 

 


Xosé Mª Díaz Castro foi motivo xa de estudo por parte do alumnado do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, neste documental que contribuíu, sen dúbida, á proclamación deste poeta como referente para a conmemoración do Día das Letras Galegas do ano 2014.

Hänsel e Gretel, dos Irmáns Grimm, en versión para kamishibai


Adaptacion do conto dos Irmáns Grimm, a partir da versión "A casiña de chocolate" publicada pola editorial Galaxia, con ilustracións realizadas polo alumnado de 1º B do CEIP A Gándara (Monforte de Lemos), para kamishibai.  

23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor 2014

 

 

O mes de abril ofrece dúas datas únicas para reforzar os vínculos entre os lectores e os libros. As bibliotecas escolares aproveitan estes fitos no calendario civil con finalidade de achegar á comunidade educativa, no seu conxunto, os recursos culturais dos que dispoñen e dando visibilidade ás actividades que realizana prol da lectura.

O 23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor desde a súa declaración pola UNESCO en 1995, aglutina moitas vontades, como a da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova quen, na súa mensaxe para este ano 2014 afirma: 

«...A nosa finalidade está clara: alentar aos autores e artistas e velar por que a alfabetización e os formatos accesibles cheguen a máis mulleres e homes, porque os libros son as nosas ferramentas máis poderosas para erradicar a pobreza e construír a paz.»

Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica un pequeno marcapáxinas para lembrar esta data, cun texto inédito dunha autora ou autor que xenerosamente o cede para as Bibliotecas Escolares de Galicia.  Nesta ocasión o texto que inclúe este punto de lectura é do escritor Paco Martín, de quen se cumpren 30 anos desde a publicación do seu libro "As cousas de Ramón Lamote", primeiro premio Barco de Vapor, da Editorial SM para un texto en galego. Foi tamén o primeiro libro galego recoñecido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1986) e, tamén, o primeiro libro galego que ingresa na lista dos White Ravens (1988), un catálogo de libros imprescindibles para a infancia e a adolescencia

"A festra aberta ao ar vivivficador, franca aos saberes, ao pensamento diverso, ao voo da imaxinación, á descuberta verturosa de novos mundos, ao espello substancial do propio ser...  O libro!" 

 TEXTO COMPLETO (recoméndase descargar ao seu equipo ou mudar de navegador no caso de que haxa problemas para visionalo) 

"O libro esculpe lectores", recreación feita a partir deste marcapáxinas, pola responsable da Biblioteca  BN, da EEI Barrionovo (Arteixo), María Pousa. 

Actividades arredor do Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

Algúns exemplos da actividade xerada polas bibliotecas escolares galegas arredor do Día do Libro neste curso 2013/2014: 

 

Os 40 libros galegos máis repetidos nos itinerarios lectores

 

 

En datas recentes, desde a Asesoría de bibliotecas escolares fíxose unha consulta urxente aos centros PLAMBE  solicitando a relación de títulos galegos que se incluían nos itinerarios lectores (é dicir, os libros de lectura recomendada desde ciclos ou departamentos para o presente curso escolar). Dunha mostra de 30 centros  que particparon coas súas respostas, seleccionamos os "40 principais"; os 40 libros galegos que máis se repiten nos centros no presente curso. 

Cómpre dicir que a variedade é moita, pois o listado total recollido ten un total de 758 títulos (para alumnado de primaria ou secundaria). 

 

Lecturas en primavera

Comezan a chegar as recomendacións de lecturas que as bibliotecas escolares preparan para o alumnado neste tempo de descanso que se aveciña. Son as "lecturas de primavera", con textos narrativos e poético, banda deseñada, cine, música ou enderezos web de interese. Velaquí algúns exemplos: 

"Tui lee"

 

As bibliotecas dos centros educativos de Tui, xunto coa Biblioteca Pública Municipal, organizaron unha vez máis o encontro de lectura TUI LEE, co gallo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil,  desta vez no Claustro gótico da catedral de Tui. Esta festa da lectura que vai xa pola súa V convocatoria, acolleu a máis dun milleiro de rapaces e rapazas que compartiron lecturas, recitais, música, danza e dramatización, xunto co seu profesorado e cos avós que quixeron achegarse a esta festa cultural. No blogue da biblioteca do IES SAN PAIO, un dos organizadores, podemos ler unha pequena crónica deste día. 

Ademais da Biblioteca Pública Municipal, participaron alumnado dos
seguintes centros: CEIP nº 1, CEIP Nº 2, CEIP Pazos, CEIP Randufe, CEIP
Guillarei
, CRA Mestra Clara Torres, CEIP Rebordáns,IES San Paio, IES
Indalecio Pérez, Seminario de Tui e Colexio dos Maristas. 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

 

Comeza abril cunha data esencial para lembrar a importancia de ofrecer libros de calidade aos nenos e nenas: 2 de abril, o Día Internacional do Libro Infantil, que se celebra en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen. Tódos os anos, a IBBY (Internacional Board on Books for Young People) encarga unha imaxe e un texto a un autor dun país en concreto. Desta vez son irlandesas os autoras que poñen rostro e voz ao libro infantil e á lectura como actividade esencial na formación das persoas: Siobhán Parkinson é a autora do texto "Carta aos nenos do mundo" e Niamh Sharkey ilustra o cartel conmemorativo. 

Agradecemos a GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) a difusión destes materiais. Tamén Galix encárgase de recoller as tarxetas postais para o concurso da OEPLI "Invita a Andersen".  Máis información AQUÍ 

 

 

 

Xogando... "ás bibliotecas"

Desde o CEIP Saco e Arce (Toén, Ourense), chéganos esta reprodución dunha situación real que se deu na biblioteca e que dá conta da importancia que cobran xa as rutinas "bibliotecarias" na vida cotiá das nenas e dos nenos deste centro. Porque "xogar ás bibliotecas" tamén é divertido!

Moita, moita poesía...

O curso precipítase cara ao mes dos libros, pero antes fai unha paradiña na poesía, de forma significativa. O día 21 de marzo  celébrase o Día Mundial da Poesía. a instancias da UNESCO, e as bibliotecas escolares aproveitan para estimula a lectura deste xénero e para encher corredores e aulas de palabra poética. 

"Como expresión profunda do espírito humano, como arte universal, a poesía é unha ferramenta de diálogo e achegamento. Ao dar acceso á expresión auténtica dunha lingua, a difusión da poesía contribúe ao diálogo entre as culturas e ao entendemento mutuo", afirma Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, con motivo desta celebración.

Velaquí algúns materiais e iniciativas levadas a cabo polas bibliotecas escolares: 

E como achega de interese, incorporamos aquí a entrada que fixo Agustín Fernández Paz no seu blog para este día: Chove para que eu soñe, tomando prestado o verso de Uxío Novoneyra. 

Lectura dixital na Hora de Ler

No CEP Xosé María Brea Segade, de Taragoña (Rianxo), tras un periodo de preparación, comezan a utilizar nas aulas os lectores electrónicos adquiridos grazas á súa participación no Proxecto E-LBE da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, destinado á incorporar os dispositivos de lectura electrónica nas bibliotecas escolares. Tal e como explican no seu blog, os lectores van ás aulas para seren utilizados na Hora de Ler. A información que se subministra a profesorado e alumnado facilita a aclimatación a estes dispositivos e favorece unha nova experiencia lectora.

Voluntariado de Lectura-A, en marcha.

Son moitas as bibliotecas que contan con alumnado colaborador e todas e todos eles están realizando, de seguro, unha actividade de voluntariado cultural, de voluntariado de lectura. Na imaxe,colaboradora de biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo)

Pero ademais, algúns centros acolléronse á iniciativa "Voluntariado de Lectura -A" da Consellería de Cultura, Educación e O.U., que procura, en consonancia con esta dinámica xa creada nas bibliotecas escolares, contribuír á formación das nenos e dos nenos en actitudes de solidaridade e de colaboración ao ben común e, tamén, vinculalos á actividade lectora. Comezan a chegar algunhas novas sobre actividades encadradas nesta iniciativa:

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2013/2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unniversitaria fai pública no Portal Educativo, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria para incentivar o funcionamento de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario (ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Adultos, Ensinanzas de Réxime Especial), para o curso 2013/2014. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino.

TEXTO DA RESOLUCIÓN

Lecturas para tempos fríos

Comezan a chegar as primeiras guías de lectura para o Nadal desde as bibliotecas escolares galegas. Estas guías, moi diversas en enfoque e contido, están pensadas para orientar a selección de lecturas do alumnado e das súas familias e para axudar a nais e pais na escolla de agasallos de calidade. Reflicten a variedade de oferta que a indstria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Ademais de libros, as guías acostuman recomendar música ou cine, e tamén recollen con frecuencia, enderezos electrónicos de interese.

Centros inscritos na inicitiva "Voluntariado de Lectura - A"

 

O Portal Educativo publica hoxe a relación de centros inscritos na iniciativa denominada "Voluntariado de lectura - A", da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destinada a recoñecer o traballo do alumnado do 3º Ciclo de Primaria que participa ns grupos de colaboradores de biblioteca do seu centro, e noutras actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro.  Os centros participantes enviarán memoria das actividades realizadas antes do 30 de abril de 2014. 

ACCESO Á RELACIÓN DE CENTROS

ACCESO Á CONVOCATORIA. 

A lectura na axenda. Un exemplo desde o IES Antón Losada Diéguez (A Estrada)

Grazas ao traballo de colaboración entre a Biblioteca, o Club de lectura do centro "Os retelladores do galiñeiro" e o Departamento de Orientación, as mozas e mozos do IES Antón Losada Diéguez de A Estrada poden contar cunha estupenda axenda escolar e de lecturas. Esta axenda leva unhas recomendacións de libros e unhas citas para facer boca, todas elas arredor do tema "Africa diversa", un excelente traballo que aborda o centro este curso e que conta cun blogue específico: http://africanolosada.blogspot.com.es/
Este blogue, que leva por título "Africa diversa", pode convertirse nunha referencia para todos os centros que queiran abordar algún tipo de traballo sobre este continente, toda vez que no mesmo se vai recompilando unha boa selección de recursos de todo tipo (vídeos, textos, artigos, outros blogues...), todos destinados a amosar unha visión desprexuizada das xentes e da realidade africanas.

Ler ciencia na biblioteca escolar do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR on PhotoPeach


A biblioteca do IES Blanco Amor, de Ourense, aproveitou a data do 24 de outubro, Día da Biblioteca, e o cartel editado este curso pola consellería, para estimular a lectura científica entre o seu alumnado e para dar a coñecer á comunidade educativa os recursos informativos que ten á súa disposición. Esta exposición aproveitaba para difundir as posibilidades da biblitoeca escolar, da biblioteca municipal máis próxima así como da biblioteca nodal de Ourense. 

 

Tamén no IES Torrente Ballester, de Pontevedra organizaron unha exposición de materiais relacionados coas ciencias. Ver AQUÍ

Libros que van e veñen. Orientacións para as familias

As bibliotecas escolares contemplan nos seus programas algunhas actividades pensadas para implicar ás familias na formación dos nenos e nenas como lectores. As mochilas viaxeiras ou as bolsas destinadas ao alumnado de infantil, e que serven para gardar o libro que collen en préstamo na biblioteca para levar á casa, son dous exemplos destes LIBROS QUE VAN E VEÑEN e que vinculan á biblioteca coa casa, espazos privilexiados para inciar aos máis pequenos na lectura. Editouse un tríptico informativo sobre as distintas posibilidades de colaboración entre a biblioteca e as familias que se envía xunto coas bolsas de "libros que van e veñen". A modo de exemplo:

As bibliotecas poden ofrecer: 

  • Un espazo reservado ás familiar: o recuncho dos pais e das nais
  • Unha sección de materiais seleccionados segundo os intereses de nais e pais
  • Programa de mochilas viaxeiras
  • Actividades de lectura compartida
  • Acceso a internet
  • Recursos lectrónicos seleccionados
  • Orientación sobre lecturas
  • Guías de lectura, recomendacións de libros, cine, música...
  • Club de lectura, faladoiros, tertulias. Cinefórum
  • Obradoiros específicos (como ler un conto, como contar un conto...)
  • Actividades como "Lemos xuntos" (Sanxenxo), para apoiar os vínculos familia-escola e lectura. 

TRÍPTICO "Libros que van e veñen"

Espazo de "lecturas compartidas" no CEIP de Andrade

Segundo van cobrando vida, as bibliotecas escolares van creando novos espazos e atopando novas funcións que cubrir. Atender a todos os sectores da comunidade educativa significa poñer atención ás súas necesidades e ás súas formas de relación con  respecto á lectura. Velaquí o novo espazo creado pola biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), destinado ao intercambio de libros entre os adultos da súa comunidade e que chamaron acertadamente "Lecturas Compartidas". A disposición das cadeiras chama ao encontro e á conversa, tan necesarios. 

Esta iniciativa súmase a outras anteriores nas que os centros recuperan pequenos espazos como "seccións" da biblioteca especialmente destinadas a pais e nais. En definitiva, trátase de abrir a biblioteca a todos os axentes que interveñen na formación dos pequenos lectores, pero que tamén queren vivir experiencias lectoras persoais e novidosas, en contacto con outros.

+ información 

 

Ler ciencia na biblioteca escolar

En breve chegará aos centros o cartel que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita todo os anos para conmemorar o Día da Biblioteca (24 de outubro) e participar da celebración do mes da biblioteca escolar que propón a IASL (Internatioanl Association of School Librarianship). A biblioteca escolar é unha biblioteca específica e así se recolle na actual Lei de bibliotecas de Galicia, no seu artigo 31. Polos seus obxectivos, polos serivzos que presta á comunidade educativa, polo seu funcionamento, a biblioteca escolar, concebida como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, xenera contextos educativos fértiles para a adquisición de competencias clave para o alumnado que medra na sociedade da información e contribúe á adquisición de todas as competencias básicas do currículo

O lema elixido para este ano, LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas relacionados coa ciencia. Todos estes contidos teñen cabida na biblioteca e enriquecen a bagaxe lectora do alumnado. A ilustración é de PATRICIA CASTELAO.

Por outra parte, a incorporación do profesorado dos departamentos de ciencias aos equipos de biblioteca, diversifica as posibilidades de intervención da mesma e favorece o deseño de actividades plurais en contidos e imprescindibles para o desenvolvemento de todas as competencias básicas.

A biblioteca ten na ciencia unha fonte riquísima para realizar propostas de carácter interdisciplinar, que debe aproveitarse para que este tipo de actividades vaia callando en todo o profesorado e facilite realmente o desenvolvemento do currículo en todas as áreas e materias. É unha oportunidade  tamén para avanzar nas estratexias de comprensión lectora de todo tipo de textos, e moi especialmente, un desafío para mellorar as habilidades de uso, selección e produción de información en todos os soportes, moi especialmente os recursos electrónicos. Aprender a valorar a información que se atopa en internet con criterios de credibilidade, veracidade, cientificidade, etc., é imprescindible para o noso alumnado; identificar, por exemplo, a pseudociencia entre a inxente cantidade de contidos audiovisuais que circulan por internet resulta difícil (ás veces incluso para os adultos), pero só a alfabetización mediática e informacional pode dotalos de recursos para poder facelo. 

Cartel

Libros que van e veñen

 

As nenas e os nenos de infantil van encher rúas e corredoiras de cores vivas, as destas pequenas mochilas para gardar o libro que escollen na biblioteca escolar para ler na casa, e cos da casa. "Libros que van e veñen" é unha iniciativa encadrada no programa "Hora de Ler" para o fomento da lectura,  que busca apoiar ao profesorado no seu labor de implicación das familias nas actividades da biblioteca, e no empeño por conseguir que as nenas e os nenos desenvolvan hábitos de lectura.

Destinado ás familias, edítase un tríptico con orientacións e posibilidades de colaboración na casa e na escola, a través das actividades deseñadas pola biblioteca escolar. Este material (bolsas) enviarase aos centros, para o alumnado de ensino infantil, baixo demanda. Os trípticos pódense descargar desde aquí. (enviar solicitudes á Asesoría de bibliotecas escolares no correo habitual). 

 

Convocatoria de Clubs de Lectura 2013/2014

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicaba o pasado 2 de setembro, no Portal Educativo (e no contexto do programa Hora de ler,  para o fomento da lectura en centros de ensino), a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros de ensino secundario, correspondente ao curso 2013/2014. 

Esta iniciativa vai destinada a aqueles centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional (tanto en réxime ordinario como de persoas adultas), ou ensinanzas de réxime especial. Distribuiranse un total de 165.000€ para custear os gastos derivados da actividade do club, fundamentalmente a adquisición de libros que, posteriormente se incorporan aos fondos da biblioteca escolar. (Na imaxe, un grupo de lectura do IES de Melide). 

O prazo de presentación de solicitudes, segundo o modelo recollido no anexo I da convocatoria, remata o 11 de outubro de 2013. 

TEXTO DA CONVOCATORIA

VI Xornada dos Clubs de Lectura: vídeo-resume

VI Xornada dos Clubs de Lectura from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Vídeo resume da VI Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Compostela o 31 de maio de 2013, con asistencia do profesorado que coordinou durante o curso 2012/2013 os clubs de lectura existentes en 222 centros educativos de ensino secundario de Galicia; clubs que acollen varios grupos de lectura e que, en conxunto, reúnen a unhas 7.000 persoas entre alumnado, profesorado, persoal non docente e familias. Ademais dunha mesa de experiencias e de reunións dos participantes en función de catro temáticas diferentes (a lectura social, a lusofonía e as linguas nos clubs de lectura; a lectura, os valores e o voluntariado cultural; os recursos dixitais ao servizo da lectura), tamén interviron a profesora valenciana Gemma LLuch, especialista en literatura infantil e xuvenil e estudosa do fenómeno da lectura), Xosé R. Lois, un dos responsables de Redelibros, a rede social galega do libro, e o escritor Marcos Calveiro. Cándido Pazó puxo o punto final a esta xornada.