"Radio na biblio"

 

O Portal Educativo publica a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e RRHH, de 17 de outubro de 2017, pola que se elixirán 20 centros integrados que teñan interese en introducir a radio na súa biblioteca escolar. Poden participar centros que acollen alumnado de infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional e que estean integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2017/2018. 

Es proxecto piloto "RADIO NA BIBLIO" pretende estimular o desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a "centros creativos de aprendizaxes" e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio nas bibliotecas escolares, co fin de favorecer e apoiar proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. O laboratorio de radio na biblioteca escolar poderá estar asociado a un programa de voluntariado na biblioteca. 

Para a selección dos centros terase en conta a actividade da biblioteca escolar no curso precedente, así como a prioridade dos centros localizados en concellos de ámbito rural, procurando unha distribución equilibrada polo territorio galego. Estes centros recibirán contías destinadas á posta en marcha do proxecto e das actuacións que supoña, incluída a realización dun obradoiro de formación para o alumnado que se considere. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro. 

Imaxe que ilustra esta entrada está tomada do blogue do CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra), un centro pioneiro na inclusión dun "Laboratorio de comunicación" para a formación do seu alumnado en competencia mediática e informacional.