Fomento da lectura

Rede Lectura: espazo interbibliotecario

Hai un tempo que naceu REDE LECTURA, un espazo para a recomendación de libros, a disposición de bibliotecari@s con pouco tempo e moita gana de compartir lecturas.

Para participar, ademais de incluír comentarios ás lecturas propostas, pódense remitir reseñas aos seguintes enderezos: bibliotecasescolares@edu.xunta.es ou bescolares@gmail.com e serán subidas á rede polos trasnos bibliotecarios.

LER EN MANCOMÚN, un espazo para os Clubs de Lectura dos centros de ensino de Galicia

Nace un novo espazo virtual de apoio ao profesorado implicado no fomento da lectura: LER EN MANCOMÚN, un blogue destinado aos clubs de lectura creados nos centros de ensino de Galicia. Iranse incorporando os enlaces aos blogues dos clubs de lectura creados como apoio virtual ás sesións presenciais en cada un dos centros. Así mesmo, se incorporarán informacións relacionadas con esta temática ou coa convocatoria de apoio aos clubs de lectura da Consellería de Educación.

Ofrécese un espazo, así mesmo, como punto de intercambio de lotes de libros entre os diversos clubs de lectura, o novo blogue Libros a eito, dependente de Ler en mancomún. Os centros interesados en participar desta iniciativa só teñen que enviar un correo electrónico a bibliotecasescolares@edu.xunta.es, iou ben a bescolares@gmail.com, indicando os datos do centro, o título dos libros e o número de exemplares de cada lote que poñen a disposición doutros centros para un préstamo temporal. Esta información ofrecerase a través de Libros a eito  e os clubs de lectura interesados poderán contactar co centro que lles interese,posteriormente,  para o correspondente intercambio.

Mochilas viaxeiras

Os libros gustan da viaxe e da sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura.

Están chegando aos centros públicos de ensino primario e secundario de todo o país unhas mochilas destinadas a poñer en marcha a iniciativa MOCHILAS VIAXEIRAS, unha actividade que xa está en marcha nalgúns centros educativos baixo distintos nomes e fórmulas. A mochila viaxeira permite á biblioteca escolar o contacto coas familias nunha actividade que pretende a súa colaboración na formación dos lectores e lectoras máis novos.

No díptico que acompaña ás mochilas detállase esta actividade de fomento da lectura: a súa finalidade, os destinatarios, o posible contido, a temporalización e outras cuestión de interese. (Ilust. Óscar Villán)

Proxecto Lector de centro

   

Información básica sobre o Proxecto Lector de centro, unha nova achega dos currículos de ensino primario e secundario da Comunidade Autónoma de Galicia. O Proxecto Lector pode ser unha oportunidade para repensar as prácticas docentes relacionadas coa lectura e a escritura e educación en información, a prol da mellora da calidade do ensino e da construción dunha sociedade lectora.

Documentos de referencia:

   

30 de Xaneiro: Día Escolar da Paz

As bibliotecas escolares galegas percorren estes días camiño de paz e colaboración. Dende os seus blogues chaman, cunha soa voz, ao sentido común, á educación nos valores de xustiza, solidaridade, diálogo e convivencia pacífica. Fóra do sinfín de actividades que se levan a cabo nos centros escolares de todo o país para conmemorar este día, as bibliotecas escolares propoñen lecturas, poemas, música, actividades compartidas nas que sensibilizarse, é dicir, abrir todos os sentidos, e espertar. Porque "só se pode ler cos ollos abertos":

"As persoas que queren cambiar o mundo acostuman ser lectoras, pero non é menos certo que, despois de ler, xorden máis facilmente as ganas de cambiar o mundo." (Blanca Calvo)

A título de exemplo, unha guía de lectura e programas de actividades dalgúns centros educativos:

Unha visita aos blogues das bibliotecas escolares pode dar unha visión do intenso dinamismo dos centros educativos e da súa colaboración á construción dunha sociedade lectora, pero tamén xusta e solidaria. E seguen chegando guías de lectura:

Resolución da convocatoria de clubs de lectura 2007/2008

 

 Con data de 26 de decembro resólvese a convocatoria de Clubs de Lectura, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Presentáronse un total de 106 proxectos de clubs de lectura, procedentes de diversos centros educativos que acollen alumnado de ensino secundario, baharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Prácticamente, un tercio dos centros de ensino secundario de Galicia albergarán nos próximos meses, grupos de lectura (nalgúns casos varios grupos): profesores e alumnos, ás veces pais e nais e persoal non docente, que teñen a vontade de xuntarse para falar de libros e compartir lecturas fóra do tempo lectivo.

Guías de Lectura para o Nadal - II

 

 Máis guías de lectura para o Nadal:

Recursos para a selección de lecturas

Un dos aspectos do Proxecto Lector que cómpre mimar é a selección de títulos para os diversos itinerarios lectores. O profesorado das bibliotecas escolares integradas no Plan de mellora pon a disposición de todos, a través desta páxina, un bo número de guías de lectura de carácter temático, ás que se pode acudir como referencia... son as vantaxes das redes sociais. 

Outra guía de lectura a ter en conta é a selección de libros de viaxes incluída nas Guías do Profesorado de HORA DE LER

Outro recurso dispoñible é a Guía para a selección de fondos documentais para as bibliotecas escolares - Infantil/primaria, sen esquecer todas as ligazóns LIX desta mesma páxina

Un homiño de plastilina na bibioteca


Dende o IES Manuel Chamoso Lamas de O Carballiño (Ourense) chéganos O HOMIÑO DE PLASTILINA, unha curta de animación, froito dunha experiencia ben interesante: A biblioteca escolar convoca un concurso de guións que ten como premio, xustamente, a realización do guión gañador.  O traballo seleccionado pasa a ser unha realidade grazas ao traballo colaborativo do alumno, Samuel Ortiz, autor do guión e un profesor do centro. Segundo nos dín, a curta que agora podemos ver é o resultado dun traballo de todo o ano, lento e minucioso, realizado fóra do horario lectivo.. Parabéns aos seus autores!!

Clubs de Lectura

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publica, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, unha convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura, durante o curso 2007/2008, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que matriculen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 20 de novembro.

Texto da convocatoria e impreso de solicitude.

A Guía do Profesorado LER O MUNDO,  dos materiais para o 1º ciclo do ensino secundario da campaña de fomento da lectura HORA DE LER contén informacións sobre os obxectivos e as fórmulas máis axeitadas para a posta en práctica dun club de lectura con alumnado adolescente. Contén tamén recursos e bibliografía.

Os que máis len: nenas e nenos entre 10 e 13 anos

A Federación de Gremios de Editores de España vén de facer públicos os resultados do Barómetro de Hábitos de Lectura y compra de Libros correspondente ao terceiro trimestre de 2007. Consolídase o grupo de nenas e nenos entre 10 e 13 anos como o sector da poboación que máis le: 9 de cada 10 nenas e nenos desta idade decláranse lectores; a maioría le por elección propia e porque lles gusta.

Un dato significativo é que o 94,5% dos nenos e nenas enquisados afirman que no seu colexio os profesores lles animan á lectura.

Outro dato importante: nos fogares destes lectores, o 73,4% dos pais len de forma cotiá e un 80,7% mercoulles ou regaloulles libros no último ano.

O mesmo estudio sinala que entre a poboación lectora maior de 14 anos (o 57%), o grupo de poboación que máis le son os mozos entre 14 e 24 anos, que o fan nun 70,2%

Non debe pasarse por alto outro dato deste barómetro, o que indica que só escolle o galego para as súas lecturas un 0,1% da poboación lectora. Por último, un vistazo á lista dos libros máis lidos en xeral, e entre os máis novos en particular, chama a unha reflexión á hora de preparar seleccións de lecturas e itinerarios lectores para o noso alumnado, co fin de mellorar a súa competencia literaria.

LIX que ule a mar

A revista de Literatura Infantil e Xuvenil galega FADAMORGANA vén de publicar un novo número dedicado ao mar, baixo o título LIX que ule a mar. Asinan os diversos artigos Helena Villar Janeiro, Rosa Aneiros, Antonio Reigosa, Miguel Vázquez Freire, Pilar Sampedro, Xosé Cobas, Ánxela Gracián e Gustavo Puertas.

A revista inclúe entrevistas coa autora argentina Graciela Montes, a Noemí López, (autora das ilustracións deste número) e coa escritora Marilar Aleixandre.

Recolle tamén outras seccións habituais como recensións de novidades de literatura infantil e xuvenil en galego, portugués, castelán, éuscaro, catalán, polaco, francés... así como materiais e recursos de interese para os mediadores. Pode resultar de interese como recurso para proxectos interdisciplinares, campañas de fomento da lectura, etc., relacionados co mar.

Dereito dos nenos a escoitar contos

A Asociación Colombiana do Libro Infantil publicara hai uns anos un Decálogo do dereito dos nenos a escoitar contos. A Asesoría de Bibliotecas Escolares fixera esta tradución en 2004.

Non hai outra...

Así o afirma o escritor Miguel Anxo Fernández, despois dunha sesión cos lectores e lectoras na biblioteca escolar do IES Alexandre Bóveda de Vigo, nun artigo publicado en La Voz de Galicia o 17 de maio de 2007:

Unha horiña de charla e medio cento de rapaces, preguntas incluídas, todas intelixentes e que demostraron dúas cousas: leran a novela e metéranse nela! Non hai outra: mestres cómplices e alumnos motivados. O resto, lerias.

Rachar cos límites, liberar os libros, liberar as mentes

Os libros queren saír na procura de lectores... e cando o conseguen, os resultados acostuman ser óptimos. Unha experiencia nun centro de secundaria do noso país: o préstamo autoxestionado. Os libros no corredor da entrada, uns impresos para cubrir e entregar en conserxería, uns bos títulos (novos, recentes, quentiños, atractivos, ben seleccionados...) e a experiencia camiña por si soa. Cando se remata de ler, se volve entregar en conserxería ou na propia biblioteca escolar. Entre outras conclusións, os seus responsables destacan a xeito de primicia: os libros non escapan, a xente le cando ten acceso aos libros, o "despiste" de libros non é un deporte practicado pola rapazada. Máis información, na biblioteca do IES Sánchez Cantón.

Tres novos libros galegos na lista White Ravens

A Biblioteca Internacional da Mocidade de Munic vén de incluír na súa selección de libros The White Ravens, correspondente ao ano 2007,  tres títulos escritos orixinalmente en galego:

  • A princesa do Courel, de Patacrúa, na editorial OQO.
  • A sombra descalza, de An Alfaya, en edicións Xerais.
  • Smara, de Paula Carballeira, na editorial Kalandraka.

A White Ravens é unha relación de títulos seleccionados anualmente polos especialistas da Internationalen Jugendbibliothek, que salientan pola súa calidade literaria ou plástica,  polos valores que promoven e pola súa idoneidade para poñer nas mans dos lectores máis novos.

23 de abril: Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor

"A lectura non é un deber de ninguén. É un dereito, si, de todo cidadán, e por el temos que loitar, loita que si constitúe un deber. Incluso na guerrilla cotiá da resistencia constante, empeñándose en sacar libros da biblioteca, levar libros á casa, ler no autobús, regalar libros, falar de libros con compañeiros e amigos, apagar o televisor a cambio dun libro no momento en que hai un programa aburrido (non é posible que todo o mundo crea que nunca hai nada aburrido na televisión). E na estratexia máis ampla, frecuentando librerías aínda que sexa para follear un libro e sacar algún proveito, escribindo a xornais e revistas para esixir máis espazo dedicado á literatura, esixindo aos candidatos a alcalde, concelleiro e deputado un compromiso público coa consideración dese dereito en cada provincia e concello. Na acción cotiá profesional, esa estratexia adopta outras formas, pero debe manterse viva, comprometéndose na loita por unha sala de lectura na escola, pola garantía dun tempo reservado á lectura no horario escolar, pola renovación do fondo de libros do colexio."

Lectura, escuela y creación literaria
Ana María Machado. Premio Andersen de literatura infantil.