Fomento da lectura

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Xa está ás portas abril, mes de moita celebración arredor do libro e a lectura. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on Books for young people) vén de editar o cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, correspondente ao ano 2010. Nesta ocasión, a responsable da ilustración é a debuxante Noemí Villamuza e o autor do texto é o escritor Eliacer Cansino, ámbolos dous españois e de recoñecido prestixo no ámbito da literatura que xa poden ler os máis novos. Pódese ler a mensaxe nas catro linguas oficiais do estado e tamén en inglés.

O reverso do cartel que distribúe a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) recolle a relación de centros educativos que se sumaron á celebración deste día mediante accións específicas. Hai unha boa representación galega.

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, unha data que serve para lembrar a importancia da Palabra poética, e para espallala. A directora xeral da UNESCO, Irina Bukova, é clara na súa declaración:  

«A diversidade poética bríndanos outro xeito de dialogar. Permítenos descubrir que todos e cada un de nós, en calquera punto da Terra, compartimos os mesmos interrogantes e sentimentos. É unha faceta da nosa liberdade, é a nosa humanidade. Por iso a poesía debe ocupar o lugar que lle corresponde nos programas de educación de calidade. Mediante o acceso á poética do mundo enteiro, os mozos poden dispoñer dun instrumento máis, diferente, sutil e fluído, para mellorar o seu coñecemento e comprensión dos demais. O descubrimento dun novo poema constitúe un acto de inmersión na lingua, pero tamén na emoción e na sensibilidade do outro, por moi distante que se atope en termos xeográficos.»

As bibliotecas escolares galegas contribúen a esta cuestión a través das súas propostas, que poden coñecerse visitando os seus blogues (Primaria - Secundaria). A modo de exemplo, algunhas destas actividades:

Maletas viaxeiras: Lectura, Banda deseñada, Poesía

 

 

A Asesoría de bibliotecas escolares pon a disposición dos centros unhas maletas viaxeiras co fin de achegar, ao profesorado que as solicite, uns materiais que sirvan para reforzar e apoiar as súas propias iniciativas de formación no ámbito do fomento da lectura, e outras actividades destinadas ao alumnado. As maletas están a dispoñibles nos Centros de Formación e Recursos do Profesorado, e poderán solicitarse, en préstamo, a través da persoa asesora en materia de bibliotecas escolares.

Colaboración interbibliotecaria

Un dos ámbitos de cooperación entre as bibliotecas escolares e as bibliotecas públicas da súa zona de referenicia, é a coordinación na formación de usuarios destas bibliotecas, dándoas a coñecer ao alumnado, facéndoas visibles e procurando con elas vínculos de participación, de forma que se favoreza o achegamento da rapazada, de forma autónoma e cotiá, a estes espazos culturais do seu medio, que tantos momentos gratos e tantas posibilidades de formación lles poden proporcionar. 

Moitas bibliotecas públicas e escolares do país levan a cabo este tipo de colaboración. Un exemplo podémolo ver na prensa de hoxe: a Biblitoeca Municipal de Sanxenxo (Pontevedra) acolle ao alumnado do IES de Sanxenxo, nunha actividade máis para a formación dos lectores e lectoras.

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura- 2009/2010

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 30 de decembro de 2009, da convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos de ensino secundario,  para o curso 2009/2010.

Un total de 177 clubs de lectura reciben axudas por mor desta resolución, o que representa que nun 48% dos centros públicos que albergan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ou ensinanzas de réxime espacil, funciona un club de lectura. Algúns  clubs acollen varios grupos, en función da idade ou dos intereses dos participantes; en varios centros funcionan, ademais, círculos de lectores de pais, nais, profesorado e persoal non docente. Cómpre salientar o papel que nesta realidade está exercendo o profesorado que, sen compensación algunha máis ca satisfacción profesional e humana, están dispostos a poñer en marcha un club de lectura, e a involucrarse desta forma na construción dunha sociedade lectora, tan necesaria para a pervivencia dos espazos democráticos e para a mellora da calidade de vida de todos os cidadáns.

2010, Ano do Libro e da Lectura en Galicia

cartel muller lendo - ano da lecturaA Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa, neste ano 2010, declarado Ano do Libro e a Lectura en Galicia, coa súa dinámica de fomento da lectura nos centros, a través do programa Hora de Ler, e de mellora da infraestrutura básica para a lectura no ámbito educativo: as bibliotecas escolares. Entre outras accións, destacan:

Lecturas para o inverno

Comezan a chegar as recomendacións de lectura elaboradas nas bibliotecas escolares galegas. Estas guías de lectura para o Nadal, que pretenden orientar ás familias na adquisición de textos axeitados á idade dos lectores e lectoras, incorporan tamén suxestións para os adultos e son válidas na medida en que están elaboradas desde o coñecemento dos textos que se seleccionan e desde o interese por mellorar a competencia lectora do alumnado. Porque só lendo libros de calidade se aprende a seleccionar os bos libros, distinguíndoos dos textos máis banais ou completamente prescindibles.

Leer.es, novo espazo de encontro para persoas lectoras

O Ministerio de Educación vén de presentar o centro virtual para a lectura e as persoas lectoras, LEER.ES, creado en colaboración coas Comunidades Autónomas, a Real Academia de la Lengua Española e o Instituto Cervantes.. Aquí, os rapaces e rapazas poden atopar estímulos diferentes para a súa formación como lectores de todo tipo de textos (icónicos, textuais, multimedia...) e para a produción e difusión das súas propias creacións.

Leer.es é tamén un espazo para as familias e para os docentes, un lugar de encontro para os mediadores nesta gran tarefa que supón a construción paulatina e sen descanso dunha sociedade lectora. Pouco a pouca irase enchendo de contidos coas achegas das distintas comunidades autónomas e dos lectores e lectoras. Polo pronto, hai xa dispoñible, entre moito outro material, un bo número de documentos de interese sobre a lectura e a formación dos lectores (no apartado dos docentes), que recomendamos.

Convocatoria de clubs de lectura en centros de ensino secundario

Con data 4 de novembro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos vén de publicar a Convocatoria  pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. A data final para a presentación de solicitudes é o 23 de novembro.

Acceso á convocatoria no Portal Educativo

Resolución da convocatoria

Biblioteca escolar, espazo de lecturas

"Lectura de todo tipo de texto, en todo tipo de soporte, con todo tipo de finalidades", velaí de que falamos cando falamos de lectura nestes momentos. A biblioteca escolar, espazo de lecturas: de lecturas literarias, de lecturas poéticas, dramátizadas, en compañía, en silencio, en voz alta; lecturas de imaxe, lecturas de gráficos, mapas, cadros, ilustracións, lectura da banda deseñada, o cine; lecturas informativas: o xornal, a revista divulgativa, a enciclopedia, a monografía que amplía e profundiza, o diccionario; lecturas para contrastar, para ampliar... lectura en pantalla, lectura en papel...  lecturaS.

Celebramos o mes da biblioteca escolar, o día da biblioteca, en compañía de Miguelanxo Prado. Edítase  así un novo cartel para a visibilización da biblioteca escolar e para lembrar as súas potencialidades á hora de integrar saberes, soportes e actividades destinadas á mellora das competencias básicas do alumnado.

Itinerarios lectores no IES de Catabois (Ferrol)

O profesorado responsable das bibliotecas escolares descansa daquela maneira... Chéganos noticia desde o IES de Catabois, en Ferrol, sobre o seu Proxecto Lector de Centro. O blogue da biblioteca enlaza a outros blogues dos diferentes departamentos, nos que se recollen pautas para o tratamento da lectura e o desenvolvemento do Proxecto Lector na área correspondente, así como os itinerarios lectores, ou libros especialmente recomendados por cada un destes departamentos.

  1. Matemáticas
  2. Plástica
  3. Tecnoloxía
  4. Música

Emisións en diferido Xornada Clubs lectura 2009

Da. Mireia Manresa Potrony

Universidade Autónoma de Barcelona

Ver video. 1ª parte (54 min)

  

Rosa Aneiros.

Escritora. Consello da Cultura Galega

Ver video (81 minutos)

  

Mesa de experiencias:

Da. Mercedes Sánchez Solano. (IES A Sardiñeira. A Coruña)

Da. Gracia Santorum. (Trafegando Ronseis. IES Pintor Colmeiro. Lalín)

D. Jesús Ángel García Cortázar. (IES de Foz)

Da. Almudena Platero López de Turiso. (As catro esquinas. IES Ferro Couselo. Ourense)

Ver videos: 1ª parte (24 mintos)  - 2ª parte (48 minutos) 

Da. Mercedes Caballud

Da. Carmen Carramiñana

“Leer juntos”. Ballobar (Huesca)

Ver video: 1ª parte (18 minutos) - 2ª parte (40 minutos) - 3ª parte (15 minutos)

 

 

Xornada dos clubs de lectura-2009

Celebrouse como estaba previsto o pasado día 5, en Santiago de Compostela, a XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA - 2009, coa participación das profesoras e profesores que coordinan os clubs de lectura que están a funcionar nos centros de ensino secundario de Galicia. Esta actividade puídose seguir en directo a través desta páxina. Estarán dispoñibles os distintos relatorios no enlace seguinte (en canto se resolvan algúns contratempos de carácter técnico que se nos presentaron):

Clubs de lectura 08/09. Xustificación de gastos e memoria de actividades

Lémbrase aos centros que recibiron asignacións específicas para o funcionamento de clubs de lectura durante o curso 2008/2009, en función da Orde de Resolución de 30 de decembro de 2008, que o prazo límite para a presentación da xustificación de gastos e a memoria de actividades desenvolvidas durante o curso, remata o 10 de xullo de 2009.

Xornada dos Clubs de Lectura - 2009

O vindeiro 5 de xuño está prevista a realización da Xornada dos Clubs de Lectura, en Santiago de Compostela. Asistirá o profesorado que coordina clubs de lectura en institutos e outros centros de réxime especial e que foron seleccionados na convocatoria de clubs de lectura para o curso 2008/2009, da (daquela) Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Máis información, en Ler en man común, blogue dos clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia.

Día das Matemáticas e lecturas

O 12 de maio celébrase o Día das Matemáticas. Desde a Biblioteca do IES Auga la Laxe, achégannos unha interesante selección de títulos relacionados con esta materia.

A páxina da FESPM (Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas) inclúe, entre outros recursos, varias actividades específicas para este día, que son todos os do ano; entre elas, unha conferencia sobre a cidade e as matemáticas do profesor Jose María Sorando.

Libros sobre libros

A responsable da biblioteca escolar do IES de Ames informa dunha exposición realizada no centro co gallo da celebración do Día do Libro. Acompaña a esta exposición unha guía de lectura: Libros sobre libros.

Por outra parte, no blogue do IES Fernando Esquío, de Neda, hai acceso a unha interesante exposición sobre a Historia do Libro, que tamén se pode visitar nestes días. Aquí, unhas fotografías da exposición que, con absoluta xenerosidade, a biblioteca oferta en préstamo a outros centros a través do seu blogue.

Noraboa aos equipos de ámbolos dous centros polas súas iniciativas.

@s rapaces como mediadores de lectura: as mochilas viaxeiras

Seguen as mochilas viaxeiras a súa andaina, da escola á casa, da casa á escola.... levando libros, revistas, vídeos ou discos para disfrute da familia, co fin de propiciar momentos de lectura compartida. Os resultados están a ser excelentes, segundo conta o profesorado que as pon en marcha. Pódese apreciar tamén nas caras dos rapaces e rapazas... e para exemplo, dúas entradas nos seus respectivos blogues:

  1. IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia
  2. CEIP Belesar, de Baiona

Lémbrase que os centros que o desexen poden solicitar máis mochilas no enderezo electrónico da Asesoría de bibliotecas escolares, xustificando a súa petición brevemente.

Día Mundial do Libro - 2009

Andan xa a ferver as bibliotecas escolares con actividades arredor do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, data apoiada pola UNESCO e que serve para dar visibilidade aos libros e á lectura. 

Gloria Sánchez, poeta e ensinante, fíxonos un agasallo-poema para as Bibliotecas Escolares de Galicia, coa fin de conmemorar este día. Aproveitamos para lembrar tamén ao poeta Ramiro Fonte, a través duns versos seus sobre o libro. Reunimos a estes dous poetas galegos neste Versos a moreas... que sempre é tempo para a lírica, e ás veces, resulta imprescindible.  

Premios Irmandade do Libro 2009

A Federación de Libreiros de Galicia fixo entrega, na noite do sábado 28 de marzo, dos premios Irmandade do Libro 2009, destinados a poñer en valor o libro galego e recoñecer a persoas e institucións que traballan pola difusión do libro e a lectura. Resultaron galardonados, no apartado de centros de ensino, tres centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Recibiu o primeiro premio o IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense, e resultaron finalistas o CEIP San Martiño , de Pontevedra, e o CEIP Quintela, de Moaña. Noraboa aos tres centros e ás súas comunidades educativas, moi especialmente ao profesorado que traballa incansablemente por facer da biblioteca escolar un espazo de convivencia e aprendizaxe, un espazo educativo e cidadán de primeiro orde.

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Un ano máis chéganos o cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil que, por encargo do IBBY, vai percorrendo o panorama da ilustración dos diversos países nos que está presente esta organización, a través das súas seccións. OEPLI, a nivel estatal e GALIX a nivel de Galicia, difunden a MENSAXE e a IMAXE para este día, imaxe e texto que nesta ocasión veñen de Exipto, da man do ilustrador Hani D. El-Masri.

Como xa é coñecido, a elección do día 2 de abril pretende lembrar a figura de Hans Christian Andersen coincidindo coa efeméride do seu nacemento, e difundir a mellor literatura infantil e xuvenil que se pode poñer ao alcance dos novos lectores.

Itinerarios lectores no IES de Fene

Coa colaboración do equipo docente, a Biblioteca escolar do IES de Fene, no contexto do desenvolvemento do proxecto lector de centro e do seu amplo programa de actuacións,  está a publicar uns "itinerarios lectores", seleccións de títulos por materias, de coidada factura e gran interese. Están dispoñibles na Rede, a través do blog desta biblioteca escolar, O Segrel do Penedo, na sección "documentos a compartir".

Sobre avaliación da lectura

Achéganse uns apuntamentos sobre a avaliación da lectura no contexto educativo: qué se pode avaliar, que instrumentos se poden empregar, que prácticas poden axudar a coñecer o alcance das lecturas feitas polo alumnado...

Repertorio de lecturas para o Proxecto Lector

Unha proposta dos posibles tipos de documentos a ter en conta á hora de deseñar proxectos lectores e recursos para o seu desenvolvemento. Serían os documentos necesarios para garantir que nunha sección de aula, ou nunha biblioteca de aula, ou para un grupo de nivel, houbese suficiente variedade de recursos.

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura 08/09

O 30 de decembro de 2008 foi publicada no Portal Educativo a orde de resolución da convocatoria de CLUBS DE LECTURA en centros de ensino secundario públicos galegos, para o curso 2008/2009. En total, reciben asignación 148 clubs de lectura.

Pódese acceder aos blogues dalgúns destes clubs, así como ao "banco" de libros, ou espazo para o intercambio de lotes entre os diferentes centros, nos seguintes enderezos: