Actualidade

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia-2018. Aberto o período de inscrición.

Comezado o novo curso cómpre ir pensando nas citas anuais do profesorado que mantén vivas as bibliotecas escolares (ou que está interesado en educación en xeral, en lectura, escritura e traballo coa información en particular). 

Xa hai datas para as que serán as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Celebraranse o 9 e 10 de novembro, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.  Xa está bastante avanzado o programa, que difundiremos en breve.

Entre tanto, hai que ir bulindo para non ficar sen praza. Aberto o prazo de inscrición na aplicación FPROFE, do Servizo de Formación do Profesorado. O código da actividade é o G1802025. Remata o prazo o 2 de novembro.

Lembramos o interese de que os equipos de biblioteca participen conxuntamente nestas xornadas, en parte por asistir directamente ao maior  número de actividades simultáneas posibles, en parte por compartir experiencia e ir construíndo unha linguaxe común, o que redunda nunha maior eficacia.

Maletas viaxeiras 2018/2019

   
 Novidades nas maletas de "ciencias", moitas con perspectiva de xénero.  Materiais das maletas "Lectura e diversidade", de nova incorporación no programa. 

O programa  "Maletas Viaxeiras" da Asesoría de bibliotecas escolares ofrece moitas novidades para o ano 2018/2019.

  • Ofrécense 4 novas maletas denominadas "Lectura e diversidade", con materiais moi variados que permiten un achegamento á lectura literaria a alumnado con dificultades de comprensión lectora. Estas maletas poden interesar igualmente a bibliotecas de infantil e primaria  así como a Centros de Educación Especial. 
  • Incorpóranse, así mesmo, 4 novas maletas baixo o título "Por uha Biblioteca Inclusiva", que presentan unha selección moi coidada (non exhaustiva) de títulos que achegan unha mirada inclusiva da realidade e, por tanto, poden servir para traballar estes contidos en actividades de biblioteca e de aula. As bibliotecas destinatarias poden ser de infantil, primaria ou secundaria, ademáis dos Centros de Educación Especial.
  • Así mesmo, engádese ao programa unha maleta de "Ciencias - Primaria" e  inclúense novos materiais en todas as maletas de Ciencias que recuperan figuras femeninas do ámbito científico e, tamén, divulgación da ciencia dende unha perspectiva de xénero. 

Os centros interesados poden solicitar estas maletas na aplicación MALETAS VIAXEIRAS, desta mesma páxina: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/maletas

Convocatoria do programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2018/2019.

 

O Portal Educativo vén de publicar a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 5 de setembro, pola que se convoca o proxecto RADIO NA BIBLIO para o curso 2018/2019. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos integrados no PLAMBE no curso 2018/2019 que matriculan alumnado de educación infantil, primaria ou secundaria. Incorporaránse 30 novas bibliotecas escolares. Tamén poderán solicitar a súa continuidade no programa os 20 centros integrados a través da primeira convocatoria. 

  • O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2018. 

 

 

Convocatoria de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario e outros. Curso 2018/2019

 
Publicouse xa no Portal Educativo a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, para apoiar o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos que imparten ensino secundario, bacharelato, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas ou de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e outros). 
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2018.
 
 
Na imaxe, integrantes do club de lectura do CPI  O Progreso, de Catoira (Pontevedra).

Convocatoria de axudas para centros concertados en materia de bibliotecas e fomento da lectura

O DOG do 5 de setembro publica a Orde de 20 de agosto de 2018 pola que se convocan axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2018/2019. Íncluense catro liñas de axudas ás que os centros poden acceder:

  • Plan de mellora de bibliotecas escolares (nova incorporación e continuidade)
  • Clubs de lectura-concertados (ensino secundario obrigatorio) 
  • Radio na biblio-concertados (centros integrados no PLAMBE no curso 2017/2018)
  • Biblioteca inclusiva concertados (centros ordinarios con unidadese concertadas de educación especial)

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, e remata o 5 de outubro.

Convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA (antes "Proxecto Escornabots na biblioteca escolar"). Curso 2018/2019

 
Xa está publicada no Portal Educativo a convocatoria do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA (antes "Escornabots na biblioteca escolar") para o curso 2018/2019. Mediante este programa preténdese apoiar a cultura da experimentación e da investigación, da robótica e da linguaxe de programación nas bibliotecas dos centros públicos que matriculan alumnado de infantil e primaria e que están integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2018/2019.
Poderán participar neste programa os centros integrados en convocatorias anteriores do proxecto "Escornabots na biblioteca escolar" (agora,"Biblioteca Creativa") e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de setembro de 2018. 

Plan de mellora de bibliotecas escolares (públicos) 18/19. Resolución provisional

 
 logo Bibliotecas Escolares de Galicia
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de niveis non universitarios e de titularidade da CCEOU, coa relación dos 25 centros que se integran, inicialmente, neste programa para o curso 2018/2019. Segundo as baixas ou renuncias ocasionadas entre os centros que xa forman parte do Plambe, este número poderá incrementarse na resolución definitiva da convocatoria, que se publicará no DOG, previsiblemente, en setembro de 2018. Así mesmo, nesa resolución definitiva recollerase a relación dos centros que continúan no programa, con detalle das asignacións para o curso 2018/2019. 

O poeta Carlos Negro, Premio dos Clubs de lectura 2018

 

Carlos Negro

Na XI Xornada dos Clubs de Lectura, que reunirá en Compostela (Palacio de Congresos) ao profesorado que coordina os clubs de lectura en 235 centros adheridos á convocatoria desta consellería, entregarase o PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2018 ao poeta CARLOS NEGRO.

O pasado 18 de abril, a D.X. de Centros e Recursos Humanos publicaba unha Resolución pola que se concedía este galardón a Carlos Negro por ser o escritor galego máis lido nos clubs de lectura. Aínda que na relación de autores e autoras máis lidas polos clubs de lectura no pasado curso 2016/2017 Carlos aparece cuarto na lista, cómpre lembrar que este premio só se entrega a autores en vida e que cada autor ou autora pode recibilo unha soa vez.

É de salientar que entre os títulos máis lidos polos clubs de lectura no curso 2016/2017 aparecen tres títulos de Carlos Negro: Penúltimas tendencias, Makinaria e Masculino singular, o que indica ben que os seus poemas chegan á rapazada e consegue desmontar un dos prexuízos máis estendidos, ese que di que "á mocidade non lle gusta a poesía". Carlos Negro é, ademais, un dos autores cómplices co duro labor de educar en igualdade, desde o seu traballo como docente, e desde os poemas cos que nos agasalla ás persoas lectoras e ás mediadoras. Do seu libro, Masculino singular, este poema-declaración: 

"Sen pólvora e cun ramo de magnolias"

Algúns reclaman a liberdade pró meu pobo. 

Eu, en troques, esixo a tenrura pró meu sexo. 

XI Xornada dos Clubs de Lectura

cartel XI Xornada dos clubs de lectura

O vindeiro 1 de xuño reuniranse en Compostela (Palacio de Congresos), os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura participantes da convocatoria anual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para incentivar o funcionamento deste tipo de actividades nos centros de ensino secundario de Galicia. 

A que será a XI Xornada dos Clubs de Lectura volve ao seu formato máis habitual, con asistencia só do profesorado, ao ser unha actividade incluída no Plan Anual de Formación do Profesorado, vinculada ao Plan LÍA, de bibliotecas escolares, e coa limitación de poder acoller unicamente a este colectivo. No ano 2012 e no 2017 acudiran tamén unha representación do alumnado; agardamos poder volver a convocar tamén ao alumnado nunha próxima edición. 

Esta XI Xornada dos Clubs de Lectura acollerá, pois, a uns 240 docentes en representación dos seus centros. Cómpre lembrar que nunha porcentaxe moi alta dos centros con clubs de lectura acolle a varios grupos de lectura, en función de intereses, idades ou temáticas, estanod implicados directamente máis dun milleiro de profesoras e profesores na coordinación e na participación directa nestes grupos de lectura. En canto ao alumnado, arredor de 12.000 lectoras e lectores participan este curso na iniciativa dos clubs de lectura, compartindo periodicamente, de forma sistematizada, a súa experiencia lectora e levando a cabo actividades culturais diversas arredor das lecturas realizadas: asistencia a teatro, cine, librerías, feiras do libro, bibliotecas; encontros con autores e autoras; encontros con outros clubs de lectura, etc. En breve publicarase o informe dos clubs de lectura correspondente ao pasado curso 2016/2017, no que se poderá apreciar a riqueza de actividades destes clubs de lectura e a súa presenza nas comunidades educativas.

O programa desta xornada inclúe a entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2018 que se vén entregando ao autor ou autora galega,  máis lido polos clubs de lectura no curso precedente. Unha vez contabilizadas as lecturas realizadas no pasado curso, este galardón recibirao este ano o poeta CARLOS NEGRO, quen tamén impartirá unha charla e un obradoiro ao longo da xornada. Contaremos tamén con especialistas como Freddy Gonçalves, libreiro, escritor e experto en literatura infantil e xuvenil ou Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria. Mesas temáticas, talleres e comunicación de experiencias completan un programa ao que lle poñerá remate sonoro e narrativo o músico e escritor Xurxo Souto. 

 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2018/2019 - Centros públicos

O DOG Publica hoxe a Orde de 23 de abril de 2018 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2018/2019. 

Ao igual que en anos anteriores,  seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias dos centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias de 2008, 2009 e 2010 poderán recibir, ademais da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades do presente curso 2017/2018. 

O prazo de presentación de SOLICITUDES remata o 9 de xuño (o que por ser sábado día inhábil, pasa  a ser o luns 11 de xuño). 

Analizando a "constelación literaria" de Maria Victoria Moreno - Letras Galegas 2018

 

 

Anagnórise é un exemplo da total actualidade que teñen os textos de María Victoria Moreno. Vinculáronse a este libro dous títulos referenciais da literatura galega que tratan, entre outras, as temáticas que se indican: adiccións, adolescencia, viaxe e aprendizaxe. Convídase a explorar novas relacións entre este texto e outros títulos que poidan ofrecer aos lectores e ás lectoras narracións enriquecedoras para esa aventura persoal que supón a adolescencia. Mar adiante foi un dos primeiros títulos infantís en galego que os mediadores de lectura e o profesorado en particular tivo á súa disposición, grazas a María Victoria Moreno, cando apenas había textos para este nivel lector na nosa lingua. Vínculase á Escola de piratas, de Agustín Fernández Paz e Sempre Cristina, de Úrsula Heinze, polas temáticas tratadas: a fantasía, unha crítica evidente ás restriccións dunha escola tradicional, a aventura, os animais... Aínda que non aparece no cartel, permite tamén unha relectura dalgunhas figuras  dos contos clásicos. 

Ao igual que nestes dous exemplos, a "constelación literaria" sobre María Victoria Moreno permite múltiples lecturas, que poden ser globais ou parciais dependendo do gusto e bo facer do profesorado. Podese comezar por ir analizando cada unha das ponlas até acadar unha visión global da "árbore" ou, pola contra, visualizar esta árbore e irse metendo, coma esquíos, por entre as ponlas, na procura de tosouros agachados. 

A biblioteca escolar pode, á súa vez, realizar unha exposición cos títulos que aparecen nesta constelación, co fin de facilitarlle á comunidade educativa o achegamento aos mesmos. É, tamén, unha proposta que vai más aló do an o 2018 e permitirá, se así interesa, traballar contidos literarios dunha forma que resulte máis significativa, vinculando uns libros con outros e axudar así, ao alumnado a medrar como lectores e lectoras. 

María Victoria Moreno: "constelación literaria" arredor dalgúns dos seus libros

Como contribución ao recoñecemento da figura de María Victoria Moreno, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2018, desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ponse a disposición do profesorado interesado un material elaborado desde a Asesoría de bibliotecas escolares, arredor de varios títulos desta autora. 

Trátase dunha selección de títulos que se vinculan, a modo de "constelación literaria" con outros libros referenciais da literatura infantil e xuvenil galega, en base a distintos criterios (temática, personaxes comúns e outros). Para cada un dos títulos de María Victoria Moreno, hai ademais un espazo baleiro dispoñible que convida a continuar estas propostas.

Este cartel, que se pode descargar desde esta páxina en formato DIN A3, chegará en formato impreso a todos os centros de Galicia en breves datas.

Agardamos que sexa un material útil e que poida axudar no labor do profesorado e das bibliotecas escolares por conseguir vincular ao alumnado á lectura en galego, a través de textos  dos nosos autores e das nosas autoras e, moi especialmente neste ano, a través dos libros de María Victoria Moreno

Actividades do Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

 


Arredor do 23 de abril, Día Mundial do Libro, as bibliotecas escolares galegas ferven de actividade e espallan por aulas, corredores e patios o pracer da lectura. Velaquí algúns exemplos:

Día Mundial do Libro 2018

Achégase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2018.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso ao escritor, poeta e editor Fran Alonso, quen xenerosamente cedeu un texto para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose nas posibilidades e nos efectos da lectura.

Se ben o contido do texto, pola súa ironía, parece destinado especialmente ao alumnado adolescente, será o profesorado de infantil e primaria, co seu bo facer, quen axude a realizar tamén unha lectura axustada ao alumnado máis novo, e sacarlle todo o partido a esta excelente achega do escritor vigués, ao tempo que se introduce esta figura estilística, un rexistro cada vez máis difícil nestes tempos de pensamento único. Cómpre, así mesmo, axudar á lectura do texto ao alumnado con dificultades de comprensión lectora. Mesmo pode ser un reto para un exercicio de escritura creativa. 

- DÍPTICO COMPLETO

- CAPA DO DÍPTICO

- TEXTO DE FRAN ALONSO

 

 

V Concurso de Traballos por Proxectos

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 5 de abril de 2018, pola que se convoca o V CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS, vinculados ou apoiados pola biblioteca escolar, para traballos realizados durante o curso 2017/2018. 

As modalidades nas que se pode participar son as seguintes: 

1.    Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (e un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensinanza secundaria). 
2.    Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
a.    Traballos de grupo/nivel
b.    Traballos de ciclo/departamento
c.   Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria.
Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades.
A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero se contemplará un apartado especial de traballos do ámbito científico.
3.    Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino co fin de desenvolver un proxecto común, de temática xeral ou científica.

O prazo de presentación das memorias correspondentes segundo o guión contemplado na convocatoria remata o 10 de xullo de 2018.

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018

Cartel encontros PLAMBE 17/18

Os días 12 e 13 de abril de 2018 celebraranse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2017/208, a cita anual do profesorado responsable das bibliotecas de centros non universitarios integradas neste programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Estes encontros, configurados como espazo de traballo, aprendizaxe e intercambio de experiencias e propostas, reunirá a 646 docentes, ademais de persoas expertas en distintos ámbitos: bibliotecas públicas e escolares, lectura, didáctica da lingua e da literatura, competencias informacionais e mediáticas, narración oral, gamificación, radio, lectura en contextos de diversidade, literatura infantil e xuvenil, educación audiovisual, poesía, robótica ou impresión 3D e literatura de tradición oral. Así, acompañarán ao profesorado Rosa Piquín, Villar Arellano, Carme Fenoll, Pep Bruno, Charo Pita, Guadalupe Jover, Antonio García Teijeiro, Pilar Sampedro, Montse Pena, Pedro Iturburúa,  Luís Aldegunde, Miguel Horta, Ana Ordás, Ricardo Feijoo, Xerardo Feijoo (Ponte nas Ondas) e Antonio Reigosa.

Un apartado esencial dos encontros o constitúen as 21 experiencias concretas de centros arredor de diversas temáticas: funcionamento dunha biblioteca escolar actualizada, voluntariado de lectura, traballo por proxectos e prácticas de investigación, promoción da lectura e da escritura, biblioteca inclusiva...(dúas destas experiencias proceden de fóra da nosa comunidade). Haberá ocasión para coñecer os avances no modelo de biblioteca como "centro creativo das aprendizaxes" no que xa están traballando varios centros dentro do Proxecto CENTROS LÍA.2, así como a evolución que supón nas prácticas da biblioteca escolar a incorporación dos robots, a impresión 3D e outros materiais e recursos dos novos espazos creativos e manipulativos, que vinculan as nosas bibliotecas á cultura maker. Os responsables das bibliotecas dos centros incluídos no programa Radio na biblio terán tamén ocasión para reunirse, no contexto destes encontros, e intercambiar experiencias. Está prevista a presentación de posters sobre actividades concretas daqueles centros que aceptaron o reto, o  que completará a panorámica actual das bibliotecas escolares galegas. 

En definitiva, un programa extenso para unha actividade formativa que responde á colaboración entre o Servizo de Formación do Profesorado e a D.X. de Centros e Recursos Humanos, da que depende o programa de bibliotecas escolares da CCEOU e que ano tras ano contribúe á formación específica do colectivo docente vinculado ás bibliotecas escolares da nosa comunidade. 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2018

 

 

Coma en anos anteriores, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2018  correspondeulle a Letonia. Ten a autoría do texto a escritora letona Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen titula a súa mensaxe: Os libros fan grande o máis pequeno.

Pola súa parte, a imaxe do cartel é do ilustrador Reinis Petersons, recoñecido debuxante deste país báltico. 

Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego. 

Traballos seleccionados no IV Concurso de Traballos por Proxectos

CEIP Meaño-As Covas

 

O Portal Educativo publicou onte a Resolución do 4 de decembro de 2017 pola que se dan a coñecer os traballos seleccionados no IV Concurso de Traballos por Proxectos, convocado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para o pasado curso 2016/2017. A este concurso candidatáronse un total de 102 traballos e foron seleccionados un total de 21 proxectos.

O IV Concurso de Traballos por Proxectos, coordinados ou realizados co apoio da biblioteca escolar, é unha iniciativa integrada no Plan LÍA 2016/2020 de bibliotecas escolares. No desafío nº 11 deste Plan, denominado"Aprendizaxes por proxectos e outras metodoloxías activas" recollese o interese por "propiciar o emprego dos recursos e servizos da biblioteca escolar no desenvolvemento das prácticas cotiás, con apoio preferentes ás metodoloxías activas e colaborativas". Este certame é unha das iniciativas contempladas para traballar neste ámbito. Búscase estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP), realizados en centros públicos non universitarios.

No seguinte cadro pódese acceder ás memorias presentadas polos centros que finalmente foron galardoados neste certame:

Modalidade

Temática

Centros Premiados

Concello

Provincia

Título

1. Proxectos Documentais integrados, coordinados
desde a biblioteca escolar

Xenérica

EEI Barrionovo

Arteixo

A Coruña

Non somos robots

CEIP Nicolás del Río

Cedeira

A Coruña

Mares de Cedeira

CEIP Milladoiro

Malpica de B.

A Coruña

Pintamos moito!

CEIP P. de Meaño-As Covas

Meaño

Pontevedra

Encende Tele Coviña

IES Faro das Lúas

Vilanova de Arousa

Pontevedra

Buscando a Valle

CEIP P. Sobreira Valadares

Vigo

Pontevedra

Con Vigo na maleta

Ciencias

CEIP Virxe do Corpiño

Begonte

Lugo

Faiuco é astronauta

CEIP de Leirado

Salvaterra de Miño

Pontevedra

Quen sementa, recolle

IES Castro Alobre

Vilagarcía de Arousa

Pontevedra

Descubrimentos e inventos

2.a. Proxectos de
investigación de grupo/nivel

Xenérica

CEIP Enrique Barreiro Piñeiro

Cambados

Pontevedra

Proxecto comedor

EEI Concepción Crespo Rivas

Pontevedra

Pontevedra

Pequenos artistas, grandes obras

Ciencias

IES Celanova Celso Emilio Ferreiro

Celanova

Ourense

3D: do cicel á impresora

CEIP Nosa Señora dos Remedios

Ponteareas

Pontevedra

Pitiños: un proxecto do ovo á galiña

2.b. Proxectos de
investigación de ciclo/departamento

Ciencias

CIFP Coroso

Ribeira

A Coruña

Colleitadores

2.c Proxectos realizados na
materia de 1º /2º de ESO “Investigación e tratamento da información” ou
noutras materiais equivalentes en ESO ou primaria

Ciencias

CEIP Quintela

Moaña

Pontevedra

Día da Ciencia en Galego en 4º de Primaria

3. Proxectos de investigación intercentros

Xenérica
ou científica

CEIP Francisco Vales Villamarín

Betanzos

A Coruña

Descubrindo as cores do mundo. Unha viaxe en globo

EEI de Fontelo

Coirós

A Coruña

Descubrindo as cores do mundo. Unha viaxe en globo

EEI de Coirós de Arriba

Coirós

A Coruña

Descubrindo as cores do mundo. Unha viaxe en globo

IES P. Fontexería

Muros

A Coruña

Atrevéndonos a valorar o valioso

CEIP Felipe de Castro

Noia

A Coruña

Atrevéndonos a valorar o valioso

CEIP P. Pepe de Xan Baña

Santa Comba

A Coruña

Atrevéndonos a valorar o valioso

Convocatoria do programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS para o curso 2017/2018

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución de 27 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se convocan as distintas iniciativas integradas no programa BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS, correspondentes ao curso 2017/2018, e que aparecen recollidas no seguinte cadro:

"Bibliotecas escolares solidarias" é froito da colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (Consellería de Política Social) e contempla o recoñecemento dos labores realizados por grupos de nenas e nenos como voluntarios e voluntarias de lectura na bibliotecas escolar nos centros de primaria, así como os labores que levan a cabo mozos e mozas como voluntarios nas bibliotecas de institutos e outros centros de ensino postobrigatorio, mediante a emisión dos correspondentes diplomas acreditativos e o rexistro de horas de voluntariado, para o caso do alumnado de secundaria. A iniciativa denominada "Voluntariado de lectura-A" supón a posibilidade de optar a unha formación no propio centro en materia de lectura expresiva, narración oral, escrita, elaboración de audiovisuais, radio ou outras aínda por definir, destinados ao grupo de voluntarios e voluntarias,  unha formación que facilitaría ao alumnado dos centros que resultasen seleccionados o seu labor  nos anos seguintes.

 

Iniciativa

Finalidade

Características

1

Concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria”

Recoñecer a
bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de
desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. 

  •  Convocatoria anual.
  •  Presentación de memorias por parte dos centros interesados: 10 de maio de 2018.
  •  Os centros con selo concedido en convocatorias de 2014 ou 2015 deben renovar a súa candidatura.
  • Concesión dos selos (un máximo de 15 selos por curso escolar)

2

Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria)

  • Recoñecemento de horas de voluntariado na biblioteca escolar, para o alumnado colaborador, mediante a emisión de diplomas de acción voluntaria correspondentes.
  • Destinado a alumnado de ESO, BAC, FP ou ensinanzas de réxime especial.
  • As bibliotecas escolares deberán adherirse ao programa no momento que se estipule e levar rexistro das actividades do alumnado (data límite: 21/12/2017)
  •  Remitir datos alumnado  (data límite: 31/05/2018)

3

Voluntariado de lectura – A

(Primaria)

Estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura entre o alumnado
de 5º e 6º de primaria.

  • Inscrición con data límite 21/12/2017
  • Os centros inscritos presentarán memoria de actividades (data límite 25/04/2018).
  • Seleccionaranse  un mínimo de 8 experiencias. Concreción en convocatoria complementaria (febreiro-marzo de 2018).

VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

Achéganse as datas para a celebración das VIII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, os vindeiros 1 e 2 de decembro, en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos). Están inscritas máis dun milleiro de persoas e toda a maquinaria en funcionamento para que esta cita anual do colectivo de profesores e profesoras vinculados a este importante recurso educativo sexa unha experiencia grata de encontro, de participación e de aprendizaxe.

Bibliotecas escolares, filosofía, lectura, bibliotecas, pensamento crítico, comunicación, escritura, imaxe, literatura, aprendizaxe, proxectos, robótica, alfabetizacións múltiples, igualdade, voluntariado cultural, competencias informacionais e mediáticas, audiovisuais, medios de comunicación, ALFIN, AMI, aprendizaxes participativas, información, metodoloxías activas, realidade aumentada, ficción, narrativas transmedia, investigación, compensación das desigualdades, comunicación, intervención no medio, impresión 3D, laboratorio de radio, "centro creativo das aprendizaxes", traballo colaborativo, atención á diversidade, inclusión, mantemento da colección, lingua, proxecto lector de centro, competencias clave, sociedade, ética, emoción, curiosidade, coñecemento, lectura, "aprender a pensar", exploracións, humanidades, ciencia, lectura, comunicación... EDUCACIÓN!. 

"Radio na biblio" - 2017/2018. Centros seleccionados.

 

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución do 17 de novembro de 2017, da D.X. de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai pública a relación de centros que se integran nesta primeira convocatoria do Proxecto "Radio na biblio", durante o curso 2017/2018, unha iniciativa destinada a introducir un laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar en centros que forman parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares. 

"Radio na biblio" pretende contribuír ao desenvolvemento do modelo de biblioteca cara a "centros creativos de aprendizaxes" e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio no contexto destas bibliotecas. Pode axudar, así mesmo, a ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltipel e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. Cando a biblioteca incorpora un laboratorio de radio pode impulsar novos proxectos de carácter interdisciplinario, vinculados á educación para as competencias en información e medios. O laboratorio de radio, na biblioteca escolar, poderá estár asociado a un programa de voluntariado na biblioteca.

 

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

"Construír ciencia é poñer a lupa sobre o que xa se coñece, identificar o aplicable ao noso soño e intentar completar as pezas que faltan do crebacabezas con novas ideas que, como non, deben ser verificadas; trátase dun proceso creativo que require paixón antes o desafíos e moito traballo". Peregrina Quintela Estévez.

Dende o 2014, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén propoñendo a celebración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, tamén nas bibliotecas escolares. Cada ano pídese a un científico ou a unha científica do país a redaccióndun "manifesto" que se edita e distribúe a través dos medios web das bibliotecas. A matermática Pregrina Quintela Estévez, Premio "María Joséfa Wonenburger Planells" 2016, foi a encargada de escribir o manifesto deste anon 2017. Paralelamente, edítase un documento coa programación prevista nas bibliotecas públicas dependentes da consellería. En relación coas bibliotecas escolares, este documento recolle as principais liñas de actuación en materia de ciencia impulsadas desde o programa de bibliotecas escolares. 

Son moitas as bibliotecas dos centros educativos que aproveitan este mes de novembro para difundir os seus recursos no ámbito científico, para dar a coñecer figuras galegas importantes no mundo da ciencia, ou para propor actividades de ciencia ao alumnado. Desde aquel LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, de 2013, obsérvase unha maior presenza de actividades de ciencia nas bibliotecas escolares, unha maior integración das ciencias e das humanidades, que é un dos obxectivos principais do programa de bibliotecas escolares. Para apoiar que esas propostas e actividades se realicen en galego, desde a Asesoría de bibliotecas escolares mantense unha páxina en PINTEREST, adicada aos libros informativos de ciencia en galego. Mantense, así mesmo, unha páxina de recursos relacionados coa ciencia en galego. 

As bibliotecas dos centros galegos acostuman celebrar este mes cunha gran variedade de actividades. Iniciamos a difusión dalgúns exemplos: 

Resolución definitiva Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018

No DOG do 24 de outubro aparece publicada a Orde de 13 de outubro de 2017 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos, para o curso 2017/2018. Seleccionáronse trinta novos centros  públicos e seis centros concertados, polo que o número total de centros integrados neste programa é de 646 (630 públicos e 16 concertados). Todos os centros reciben asignacións para a renovación e actualización dos fondos da colección (en formato impreso, audiovisual, informático e outros). Segundo o tempo que leven os centros no programa poden ter asignacións tamén para renovar mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para que a biblioteca ofreza os servizos propios dunha biblioteca do século XXI, entendida como un "centro creativo das aprendizaxes" onde a lectura, a escrita, a información, a investigación, os multialfabetismos e as expresións culturais máis diversas teñen oportunidades de desenvolvemento.

Os centros que se integran neste programa reciben, ademais dos recursos económicos, formación, asesoramento continuado e acompañamento por parte da D.X. de Centros e Recursos Humanos, responsable do programa, a través da Asesoría de bibliotecas escolares; por outra parte, o profesorado responsable e coordinador dos equipos de biblioteca destes centros participa dun foro profesional no que se comparten informacións, experiencias e propostas de traballo ao longo do curso escolar. Na primavera, en datas aínda por decidir, serán convocados aos "encontros do Plan de mellora", unha actividade formativa específica para este colectivo de profesores e profesoras. 

Nos seguintes gráficos pode verse a composición actual do Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como a procentaxe do alumnado da rede pública de centros beneficiada por este programa

 

 

VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Os vindeiros 1 e 2 de decembro celebraranse en Compostela (Palacio de Congresos) as VIII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, a cita anual do grande colectivo de profesorado que pon en pé as bibliotecas nos centros educativos, vinculado a temas de lectura e de educación para as competencias en medios e información, atento á complexidade social na que medra o alumnado, sensible á necesidade de acadar maiores cotas de igualdade... preocupado e ocupado, en definitiva, nalgúns dos grandes retos do mundo educativo actual.

Fiadas co lema das bibliotecas escolares para este curso 2017/2018, Aprender a pensar coa biblioteca escolar, as xornadas ofrecen oportunidade para o encontro entre profesionais de distintos niveis educativos, de distintas disciplinas, con experiencia variada pero co interés sempre vivo. Serán ocasión para coñecer en profundidade programas relacionados co tratamento da filosofía cos máis pequenos, analizar os cambios que se están a producir no amplo mundo das bibliotecas, coñecer os rudimentos do pensamento crítico, as posibilidades da educación mediática ou analizar as potencialidades da literatura infantil e xuvenil (da literatura en xeral), para espertar o gusto polo coñecemento e manter viva a capacidade de asombro. As xornadas serán plataforma para difundir experiencias de interese que se están a dar no contexto das bibliotecas escolares galegas relacionadas coa lectura, o voluntariado na biblioteca, o desenvolvemento do Proxecto Lector de Centro, a introdución da robótica, as alfabetizacións múltiples, a evolución do modelo de biblioteca ou o desenvolvemento de proxectos a través de metodoloxías activas, con moi distintas temáticas.

O prazo de inscrición remata o 31 de outubro e deberá facerse a través da aplicación FPROFE buscando a actividade co código G1702011

24 de outubro, Día da Biblioteca

O Día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Van xa máis de dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. O cartel e"pregón" deste ano 2017 pódese consultar AQUÍ

O departamento de Educación da Consellería de Cultura, Educación e O.U, pola súa parte, vén publicando desde 2008 uns carteis que pretenden facer visibles as distintas oportunidades e posibilidades da biblioteca escolar, porque o Día 24 de outubro é tamén o DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, por ser esta unha biblioteca esencial xa que por ela pasa toda a poboación escolar dun país. Cada ano proponse un lema e encárgase a súa interpretación a un creador ou a unha creadora do fértil mundo da ilustración en Galicia. Xosé Tomás é o ilustrador que este ano achega a súa creación a todas as bibliotecas escolares do territorio galego. Aprender a pensar coa biblioteca escolar, o lema elixido nesta ocasión, convida ao aproveitamento dos recursos, dos espazos, dos tempos e das actividades que a biblioteca facilita a toda a comunidade educativa. 

As bibliotecas dos centros galegos acostuman celebrar este día cunha variedade de actividades. Iniciamos así a difusión dalgúns exemplos: 

 

Iranse subindo algúns exemplos máis, porén, unha visita aos blogues de PRIMARIA ou SECUNDARIA permitirá coñecer a actividade que se desenvolve en moitas bibliotecas escolares neste comezo de curso. Convidámos á facer esta exploración nestes días finais de outubro, mes da Biblioteca Escolar segundo propón a IASL